Laura Moure/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces demanda a renovación do sistema de canalización de auga no casco urbano da localidade. "Resulta un auténtico despropósito o elevadísimo número de incidencias que se rexistran anualmente, en calquera punto da vila, e isto é debido a unha rede de canalización obsoleta, e que ademais, é perigosa para a saúde, chea de remendos en cañerías de amianto. Este mesmo mércores provocaba un corte do suministro en parte do núcleo urbano, asolagando o soto dun edificio", sinala o grupo nacionalista.
Tamén quere facer chegar "o malestar dos veciños e veciñas da parroquia de Asorei polo xeito de proceder nos arranxos das canalizacións de auga, xa que en diferentes averías subsanadas ao longo do camiño principal da parroquia, o firme foi recheado con escombro de obra e unha pequena capa de zahorra por enriba".
O BNG esixirá no pleno do luns 29 o compromiso do grupo de goberno local e do resto da corporación para que se garanta unha nova canalización de augas "con materiais libres de amianto, para limitar as posibles novas avarías", incide. "Esta non é unha situación novedosa, dende o BNG xa se ten informado do mal estado do suministro ao goberno local, mesmo propoñendo no seu momento, financiar esta reforma do servizo cos fondos europeos do Plan E en lugar de telos enterrados nun edificio, que sen ser inaugurado, xa case está en ruinas como é o matadoiro de Galos, dado que en moitas ocasións estas avarías teñen sido provocadas por un sinxelo cambio na presión da auga", sinala.
Polo tanto, o BNG solicita que o grupo de goberno "inste á empresa que presta o servizo un estudo da situación actual das instalacións e canalizacións do suministro; elaborar un proxecto que priorice as zonas onde é máis necesario o remplazo das canalizacións e procurar financiación para comezar canto antes con esta reparación debido á urxencia da mesma".
Commentaires