Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces propón sacar a concurso de "forma urxente" o chiringuito da área recreativa da Carixa, situada na parroquia de Merza. "A área recreativa máis concorrida da comarca debe ter os seus servizos a pleno rendemento a estas alturas do verán", asegura o portavoz nacionalista, Alex Fiuza.
Pero asegura que está situación non está a darse. "Trala renuncia á prórroga da anterior concesionaria do chiringuito da Carixa, xa ás portas do verán, a capacidade de reacción debe ser inmediata por parte de quen goberna, e como iso non acontece, o BNG anima ao goberno local a buscar unha solución".

Alex Fiuza incide en que se debe buscar de xeito urxente a fórmula para sacar a concurso dito local, polo menos de xeito provisional, para os meses de verán. Á súa vez, o BNG pide ao goberno que fagan cumplir as cláusulas da concesión do chiringuito das piscinas en canto ao horario de atención ao público.
"O novo firme debe ser mellorado"
Por outra banda, nesta semana o BNG vén de recoller numerosas queixas "debido á cantidade de esvaróns provocados polo material empregado para mellorar o firme das piscinas da área recreativa. Isto xunto ao lodo que se acumula nos fondos supón un perigo para os usuarios, nesta mesma semana varias crianzas sufrieron cortes nos pés debido a este pavimento. Parece mentira que alguén que xubilou tan ben grazas á obra pública, non sexa quen de facer unha supervisión para corrixir eses erros".
Polo que o BNG propón ao alcalde a revisión e mellora do firme das piscinas, así como a retirada do céspede artificial que dá acceso ás mesmas, "xa que pode ser un foco de fungos e infeccións para os usuarios e usuarias".
Comentários