Condena "o desinterese do goberno municipal e a falta de información que debe proporcionar á súa veciñanza"
Ecos da Comarca/Cruces/Touro
O BNG de Vila de Cruces sinala que visto que este venres, 31 de xaneiro, remata o prazo de alegacións ao proxecto Mina Cobre San Rafael que afecta aos concellos de Touro, O Pino, Arzúa e Vila de Cruces, "e que dende o goberno municipal nin se fixeron reunións informativas nas parroquias máis afectadas da ribeira do Ulla, nin temos coñecemento de que teña intencións de facer alegacións" reclama ao goberno municipal que manifeste "a súa oposición ao proxecto de apertura da explotación mineira, tanto polas súas graves afeccións ambientais como pola hipoteca que suporía no desenvolvemento económico do concello". O BNG presentou alegacións.

Tamén que reclame ao órgano ambiental a inadmisión da solicitude do promotor en base ao que se recolle no art. 39 da Lei 21/2013 de avaliación de impacto ambiental, "xa que en 2020, foi ditada unha declaración de impacto ambiental desfavorable nun proxecto substantivamente análogo ao presentado. Examinados os documentos presentados pola empresa peticionaria, proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental, conclúese que o proxecto mineiro é esencialmente o mesmo que o presentado en agosto de 2017".
"A extensión afectada é de 812,21 Has, incluso superior ás 689 has do ano 2017. A forma de extracción é idéntica. Tampouco cambia a cantidade e xestión de refugallos xerados. É dicir, todas as afeccións denunciadas no seu momento cando se presentou o anterior proxecto matéñense neste. Somentes uns retoques “cosméticos” como un parque solar fotovoltaico, que en nada cambia o modelo de minería".
O proxecto do ano 2017, recalca o BNG, "xa foi obxecto de estudo de impacto ambiental e rexeitado por ter unha declaración de impacto ambiental (DIA) negativa en febreiro de 2020, debido a afección que causaría esta actividade mineira sobre os cursos fluviais e as augas subterráneas, así como e inexistencia de medidas que garantan que, en determinadas situacións de risco, non se producira unha afección aos valores naturais na ZEC “sistema fluvial Ulla-Deza".
Publicidade
Entre as afeccións ambientais, sinala, "podemos citar a eliminación de mananciais de captación de auga para consumo doméstico, afectación ás augas subterráneas e superficiais, aos ríos e ao propio Ulla, afectando directamente ao suposto proxecto de captación de augas que abastecería a varias parroquias de Vila de Cruces".
O voceiro nacionalista cruceño, Álex Fiuza, afea a actitude do goberno municipal "que nunca dá o primeiro paso voluntario para se opoñer a proxectos que afectan negativamente ao futuro económico e ambiental de Vila de Cruces, chámense liñas de alta tensión, parques ou Mina de Touro".
Comments