Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces demanda crear unha comisión especial que investigue a desaparición dos mapas de Hilgen. "É necesario crear de xeito inmediato, con acordo neste mesmo pleno, unha Comisión Especial integrada por membros de todos os grupos da Corporación, presidida polo alcalde e actuando como secretario da mesma o secretario xeral do Concello", recalca.
Ao mesmo tempo, sinala que é preciso a elaboración dun sumario coa recollida da documentación e información pola secretaría municipal. E ademais, poñer a disposición dos membros da Comisión a información recollida nun prazo máximo de 18 días naturais.
Considera que a primeira reunión da Comisión deberá ser nos cinco días hábiles seguintes, unha vez finalizada a fase de recollida de información, seguidamente levarase a cabo a análise de toda a documentación recollida e formalizarase unha proposta de citación das testemuñas que se estime que poidan aportar información (responsables da xestión do Museo da Minería, becarios/as que estiveron a cargo, e membros do goberno encargados da xestión do material exposto, persoas que tiveron acceso aos locais do Museo, etc.) e a secretaría municipal recollerá acta dos acordos.
Seguidamente, apunta que será a quenda da fase de interrogatorio. Pasados 20 días naturais comezará o interrogatorio a todos os que foran citados pola Comisión Especial de Investigación. "Esta fase non debe durar máis de 15 días. Fixáranse as sesións que estime necesarias a Comisión, en función das testemuñas citadas, pero tentando que sexan as menos posibles. No interrogatorio cada comparecente expoñerá a súa versión do acontecido e logo na fase de preguntas os membros da Comisión disporán de varias quendas", incide o partido nacionalista.
Despois disto, elaborarase un informe. No prazo de 20 días naturais o secretario elaborará un informe, tendo en conta os resultados do proceso anterior. E por último, terá que facerse unha proposta de resolucións. "En vista do informe, a Comisión acordará un pleno extraordinario no que se dará conta do ditame e acordará nese mesmo pleno recorrer a vía xudicial, con todas as consecuencias. Así como a trasladar o ditame en resposta ao Concello de Lalín e ao requirimento emitido pola Valedora do Pobo ao alcalde de Vila de Cruces. A reunión da Comisión terá lugar nun prazo máximo de cinco días naturais, unha vez recibido o informe do secretario", conclúe.
Comments