"O saneamento, as traídas de auga, a seguridade peonil, Internet ou un plan de aglomerado, achegaranse durante o goberno do BNG", afirma o candidato á Alcaldía, Álex Fiuza
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces fornecerá dos servizos públicos necesarios ás parroquias. "O saneamento, as traídas de auga, a seguridade peonil, o servizo de internet ou un plan
de aglomerado, son servizos públicos que se achegarán as parroquias durante o goberno
do BNG", afirma o candidato á Alcaldía, Álex Fiuza.
"Establecer unha serie de prioridades en canto aos servizos ás parroquias axudará a unha
mellor calidade de vida das persoas e a unha maior probabilidade de permanencia no
entorno. Medidas como a separación de redes pluviais e o saneamento no rural permitirá optimizar o funcionamento do tratamento de augas residuais e das depuradoras. Ademais, solicitar á Xunta financiamento para estender o abastecemento de auga a todos os lugares e parroquias que así o precisan será unha das prioridades en canto aos servizos públicos ás parroquias", explica.
No referido ás augas, lembra que xa en 2021 dende o grupo nacionalista "se trasladou en pleno a necesidade de levar un control máis pormenorizado das augas de consumo público, así como de informar debidamente á veciñanza da potabilidade ou non das augas públicas. O obxectivo deste control é que o Concello verifique que non supoñen un risco para o consumidor, e aportar tranquilidade á veciñanza para o consumo do día a día".
Ademais, sinala que a preocupación veciñal polo estado da auga das fontes públicas "é tal que os propios veciños están a facer, de xeito particular, controis das augas dalgunhas fontes".
Por iso, dende o BNG "marcamos como obxectivo garantir, para as augas de consumo
humano subministradas a través dunha rede de distribución pública, a realización do
control da calidade da auga, de forma anual e a elaboración periódica dun informe sobre
os resultados obtidos xa que, dependendo da época do ano, debido a diversas filtracións,
como por exemplo os puríns, as augas poden sufrir alteracións nos límites
microbiolóxicos e fisicoquímicos aptos para o consumo. É o Concello quen debe
preocuparse dun tema coma este", recalca o partido nacionalista.
Ademais deste aspecto, apunta, "debemos asegurar que a poboación das parroquias, maiormente avellentada, se poida desprazar ata a vila de forma segura e económica para realizar os trámites que necesiten en materia de saúde ou a nivel bancario. Polo tanto poñeremos en marcha un plan de mobilidade municipal dotando de transporte ás parroquias que conecte co casco urbano e os servizos". Ademais, engade, "nas mesmas parroquias é necesario acometer un plan de aglomerados e seguridade peonil convertendo as estradas municipais nun referente comarcal, aglomerando e dotando de seguridade e calmado de tráfico, con sendas peonís onde sexa posible, priorizando as estradas de maior tránsito".
Por último, pero non menos importante, subliña "a modernización do Medio Rural para a o
asentamento de poboación é primordial. Polo tanto debemos rematar coa fenda dixital: Dotar de Internet a todo o rural, acordar coas empresas instaladoras a colocación de postes e tendido, así como achegar Internet a locais sociais, edificios públicos e áreas recreativas. Desta maneira, vivir no rural non será sinónimo de precariedade e poderá permitir que o asentamento poboacional sexa unha realidade".
コメント