O voceiro nacionalista califica de "vergoñento o trato que se lle está a dar dende o desgoberno de Taboada"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de cruces esixe que se poña en marcha a comisión de investigación do Legado Hilgen. O voceiro nacionalista, Álex Fiúza, califica de "vergoñento o trato que se lle está a dar dende o desgoberno de Taboada".

Lembra que no mes de novembro o BNG presentou unha proposta para a creación da comisión de investigación sobre a desaparición dos mapas do Legado cedido polo Concello de Lalín en 2012. En dita comisión "que o grupo de goberno votou en contra e o Partido Popular se abstivo saíu adiante constituída polos voceiros municipais e a Secretaría municipal", subliña e recalca que "nela aprobouse unha temporización para a recollida de información, a posta en común da mesma e unha serie de interrogatorios do persoal que estivo relacionado co préstamo da exposición, entre eles os concelleiros do PP e traballadores municipais, co fin de dar traslado á Valedora do Pobo e ao Concello de Lalín".
Pero sinala que "ata o de agora nada se fixo, a actitude do desgoberno de Xuntos é a mesma que a do goberno do PP de Otero, silencio absoluto, e un total abandono institucional que leva a Vila de Cruces a unha situación de desprestixio e irresponsabilidade. É totalmente vergoñento vendo como o Concello de Lalín leva anos xulgando o caso".
Dende o BNG de Vila de Cruces recalcan que "non cesaremos en esixir responsabilidades e insistiremos coa consecución da Comisión de Investigación".
Comments