Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

O BNG de Vila de Cruces aposta por un Plan Concellos consensuado coas demais forzas políticas

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

Co comezo do ano, o BNG de Vila De Cruces presenta unha batería de propostas para o Plan Concellos 2022-2023 na liña 1 de investimentos, co fin de cubrir unha serie de demandas veciñais e co obxectivo de apostar por un modelo diferenciador para o concello, "que coloque a Vila de Cruces como exemplo de concello rural con futuro".


O voceiro do BNG, Álex Fiuza, aposta por un Plan Concellos consensuado coas demais forzas políticas da Corporación. Quere incidir na predisposición do grupo nacionalista, a manter unha serie de reunións informais cos demais grupos da Corporación para establecer prioridades en canto a investimento se refire, dado que non está disposto "a pasar polo aro de ter que votar a última hora, e por responsabilidade de non perder os cartos do Plan Concellos, unhas propostas pechadas e sen consenso dun grupo de goberno que segue sen entender que gobernan sen maioría".

"Consideramos fundamental seguir un Plan de Saneamento para o Rural e un Plan de Camiños e estradas, priorizando o arranxo e mellora daqueles que leven máis tránsito, ou outros que facilitarán e mellorarán o acceso ao noso concello, para atraer a máis xente, como o camiño da Casela en Loño que melloraría o acceso ao Ferry, e a comunicación cos concellos veciños de Santiso ou Melide, entre outras sen deixar de lado o investimento en espazos públicos".

Polo que o BNG fai especial fincapé nunha Área Inclusiva na vila (un parque interxeracional) no que haxa un espazo cuberto para que as crianzas poidan xogar no exterior durante os meses de inverno e con mobiliario adaptado para persoas con diversidade funcional. Esta área inclusiva conlevaría tamén varios espazos para a práctica de novas modalidades deportivas para a xuventude como a calestenia, unha pista de Half (con rampas para patinaxe) e un espazo multidisciplinar no que poder desfrutar de concertos, actuacións e demais eventos ao aire libre, xunto coa mellora dun espazo de aparellos xerontolóxicos para a terceira idade, así como un parque canino. Unha aposta por ofrecer un espazo alternativo en Cruces para o disfrute do ocio e o tempo libre.

"Posto que Vila de Cruces conta con dúas bandas de música, cunha morea de músicos e músicas federados, que non dispoñen dun espazo á altura das circunstancias para poder realizar os seus concertos, e vense totalmente limitados en canto a espazo, propoñemos o acondicionamento dos auditorios ou a creación dun espazo que reúna as condicións que as nosas bandas precisan".

Xa con vistas a dar un pulo ao tecido industrial e empresarial do concello e a contorna, dende o BNG consideran indispensable destinar unha grande parte do Plan Concellos en iniciar a urbanización do polígono agroforestal de Aguillóns, consensuando de novo o proxecto para dar coa chave dun polígono diferenciador a nivel de país, aproveitando a vantaxosa localización xeográfica deste concello, para atraer as empresas, "e que a nosa veciñanza vexa unha alternativa a poder explotar os nosos recursos, servindo así como o mellor motor para o asentamento poboacional".

53 visualizaciones0 comentarios