“A xestión e promoción turística do municipio é un activo aínda por explotar, que
abrirá un abanico de ofertas laborais e de ocio para toda a veciñanza, e que atraerá xente
a coñecer o noso patrimonio natural, cultural e histórico", sinala
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O BNG de Vila de Cruces anuncia un paquete turístico co programa Cruce de Camiños. "No BNG vemos unha oportunidade de futuro a potenciación do noso entorno e a nosa
tradición como atractivo turístico que favoreza ao tecido empresarial, hosteleiro e
comercial", subliña.
O Programa Cruce de Camiños, explica o BNG, "está composto por rutas marcadas e limpas que atravesarán todas as parroquias, achegando ás persoas visitantes a coñecer o noso patrimonio natural, histórico e cultural, conleva unha serie de rutas temáticas, moitas delas circulares que rodearán a vila para que as persoas poidan partir e chegar á vila e aos núcleos rurais, rutas sendeiristas como a da beira dos ríos Orza, do Ulla e do Deza, cabalares, ou ciclistas que atraerán a miles de persoas a visitar o concello, o que repercutirá na economía local, na restauración e hospedaxe das casas de turismo rural, e no comercio da zona".
Con marcadores intelixentes, que a través do teléfono móbil visitantes e veciñanza terán
dispoñible mapas dos lugares hosteleiros e de interese turístico máis próximos. "Ademais de atraer con este tipo de ofertas un turismo de calidade, tamén potenciará a sostibilidade do noso entorno, xa que se desenvolverán campañas de limpeza de camiños rurais coidadosos co medioambiente".
Outra das iniciativas será, o programa Unindo parroquias, creando convenios de colaboración e intercambio con concellos interesados e colectivos, "onde ofrecer paquetes
turísticos con transporte, visitas a lugares de interese como o Museo da Minería, as
fundacións Neira Vilas ou A Solaina de Piloño, áreas recreativas, proxectos rurais para
promocionar os nosos productos, ofertas de sendeirismo, termais, xunto con ofertas
gastronómicas e de aloxamento dos nosos restaurantes e casas de turismo rural".
Así mesmo incluirá a confección de eventos deportivos "como o Ultrataill das Cruces, unha
competición que albergará a centos de persoas durante tres días percorrendo todo o noso
concello", conclúe o partido nacionalista.
Comentários