O BNG de Silleda presenta unha iniciativa para mellorar a sinalización en todo o municipio
- ecosdacomarca

- 24 sept
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O Grupo Municipal do BNG de Silleda vén de presentar unha moción para o seu debate no próximo pleno ordinario, na que solicita a posta en marcha dun Plan Integral de Mellora da Sinalización en todo o territorio silledense. A portavoz municipal, Erea Rey, destaca que “esta é unha demanda amplamente solicitada pola veciñanza da contorna rural, que sofre importantes problemas para recibir paquetes e visitas nas súas casas pola falta de sinais indicativos claros”.

Segundo Rey, “a correcta sinalización das parroquias, lugares e espazos de interese turístico é fundamental para mellorar a calidade de vida dos habitantes e facilitar a chegada de servizos esenciais”.
A iniciativa do BNG tamén pon o foco na dinamización do turismo local. “Silleda conta cun patrimonio cultural e natural de gran valor, e para potenciar o seu aproveitamento turístico é
imprescindible sinalizar e mellorar todos os espazos de interese, enriquecendo así a
experiencia dos visitantes”, sinala Erea Rey. A iniciativa do BNG destaca a importancia de
sinalizar outros puntos de interese menos coñecidos, tales como as outras fervenzas, praias fluviais, muíños, patrimonio industrial en desuso, así como todo o patrimonio románico presente no municipio, sen esquecer a importancia que teñen tanto a Fervenza do Toxa coma o Mosteiro de Carboeiro como principais referentes turísticos da Comarca de Deza.
PUBLICIDADE
A moción propón a colocación de sinais indicativos nos accesos a todas as parroquias e
lugares, así como nos principais espazos turísticos, e a instalación de sinais que indiquen os enderezos a seguir desde as principais vías do municipio. Ademais, solicita que se dirixa un escrito ás administracións estatal e autonómica para reforzar a sinalización da Fervenza do Toxa e do Mosteiro de Carboeiro nas estradas nacionais e autonómicas ao seu paso por Silleda.
PUBLICIDADE
O BNG agarda que esta proposta conte co apoio do resto da corporación para avanzar na mellora da sinalización e no desenvolvemento integral do municipio.








Comentarios