O BNG de Silleda pide que se resolva a licenza do parque eólico Monte Festeiros a partir do día 17
- ecosdacomarca
- 1 jun 2023
- 2 Min. de lectura
Reclámalle ao alcalde en funcións a que agarde ata a conformación da nova
Corporación municipal, prevista para ese día de xuño
Ecos da Comarca/Silleda
O martes 30 de maio de 2023, publicouse no DOG Núm. 101 a RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Festeiros, sito nos concellos de Forcarei e Silleda (Pontevedra) e promovido por A.V. Monte Festeiros, S.L.U. Para que dito proxecto poida executarse o Concello de Silleda ten que conceder a licenza urbanística de obra maior para as obras do parque eólico Monte Festeiros mediante unha resolución de Alcaldía. Nese sentido, a nova voceira do BNG, Erea Rey, reclama ao alcalde en funcións que se absteña de emitir tal resolución en tanto non se forme a nova Corporación municipal.

En todo caso, Erea Rey anuncia que a posición do BNG de Silleda ao respecto será contraria á concesión de tal licenza pois considera que existen argumentos suficientes para denegala. "En particular, existen informes técnicos que advirten da afección ambiental e paisaxística que suporán tanto a instalación do propio parque como a liña de evacuación necesaria para conectar o parque coa rede de transporte a través do nó de Silleda 400
kV, propiedade de REE (SET Silleda), en Carboeiro". O BNG de Silleda recorda que dita liña de evacuación, con 90 apoios, atravesará de oeste a leste diversas parroquias do municipio ( Refoxos, Grava, Fiestras, Silleda, Margaride, Negreiros, Breixa, Saidres e Carboeiro) e afectarán a numerosos terreos agrícolas e forestais e elementos patrimoniais.
Ademais, prevese unha nova subestación “Arelas” en Carboeiro. "Queremos recordar que a liña de evacuación e a nova SET forman parte do parque eólico Monte Festeiros e aínda non saíu a exposición pública o seu impacto ambiental e polo tanto, denunciamos a fragmentación do proxecto do PE".
Por outra banda, o BNG de Silleda reclámalle ao goberno municipal que, ademais de denegar a referida licenza de obras, presente "un recurso de alzada conta o acordo da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais pola que se outorga a autorización administrativa ao parque eólico polos graves e irreversibles prexuízos ocasionados e que, ademais, informe á veciñanza das parroquias afectadas dos pasos a dar para defenderen os seus intereses".
Commentaires