Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda lamenta que "o Concello bote balóns fóra respecto á xestión do persoal do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF)". "Vista a resposta enviada pola alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, aos medios, a respecto da denuncia publica feita pola nosa organización sobre os incumprimentos do Concello en materia laboral co persoal adscrito ao SAF, desde o BNG queremos aclarar os seguintes puntos":

"A alcaldesa acusa ao BNG de politizar o tema. Tal vez sexa bo recordarlle que os cargos públicos (alcaldesa e concelleiras) están suxeitos a escrutinio público da súa xestión e é obriga da oposición fiscalizar a súa actividade. Xa estamos cansos de que cando o BNG desenvolve o seu traballo, se nos acuse de politizar. Resulta clamoroso que isto o diga unha persoa moi política, que é deputada en Madrid de martes a xoves e alcaldesa en Silleda os fins de semana".
Publicidade
• "Pedímoslle á alcaldesa que deixe á marxe das discusións políticas ás traballadoras. Estamos en democracia e son moi libres para falar con quen queiran e cando queiran. Que as traballadoras se dirixan ao BNG para resolver os seus problemas o único que constata é a falta de capacidade de diálogo do goberno municipal incluso cos seus propios empregados. Tamén lle pedimos que sexa máis proporcionada nas súas declaracións porque a esaxeración resta credibilidade: a nota do BNG non vai prexudicar a prestación do servizo, todo o contrario".
• "Concordamos plenamente en que este servizo é competencia da Xunta, non dos concellos, e debería financiarse ao 50% polo Estado e pola Xunta. Ambas administracións incumpren e como consecuencia o concello ten que aportar 400.000 € para sostelo, o 50% do custo total. Mais neste caso, as traballadoras só piden unha mellor coordinación, aproveitando os recursos humanos cos que xa conta a área de Benestar Social, que permita prestar un mellor servizo, cumprir cos dereitos das traballadoras e incluso reducir gastos para as arcas municipais".
• "Fala do esforzo que tivo que facer o concello ao asumir a débeda de 200.000 € que deixaron as empresas privadas. En primeiro lugar, esta débeda é a acumulada nas distintas privatizacións do servizo levadas a cabo polo PSOE, ás que sempre nos opuxemos, e é consecuencia de non asumir a responsabilidade de controlar se as empresas cumprían as súas obrigas coas traballadoras do SAF en canto a pago de salarios e SS. En segundo lugar, quen fixo o esforzo foi a cidadanía, que pagou cos
impostos as consecuencias da privatización e da mala xestión socialista".
• "Finalmente, repite en varias ocasións e gábase de ter un SAF público. Non é mérito do PSOE, que quería privatizalo como xa fixo en mandatos previos. Se aínda é público é porque temos un goberno en minoría e porque foi unha condición que puxo o BNG para posibilitar o actual goberno do PSOE en xuño de 2023. Ademais, a aprobación da dedicación exclusiva da concelleira de Benestar social foi condicionada tamén a mellorar a xestión do SAF. O que está claro é que a supervisión que fan a concelleira e a alcaldesa das persoas encargadas de coordinar o servizo do SAF é nula e merecedoras da nosa reprobación pública".
NOTICIAS RELACIONADAS:
O BNG de Silleda denuncia "incumprimentos do Concello en materia laboral no SAF": https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-silleda-denuncia-incumprimentos-do-concello-en-materia-laboral-no-saf
O goberno de Silleda lamenta a "politización do SAF, o servizo máis complexo e costoso que se presta dende o Concello": https://www.ecosdacomarca.com/post/o-goberno-de-silleda-lamenta-a-politizaci%C3%B3n-do-saf-o-servizo-m%C3%A1is-complexo-e-costoso-que-se-presta
Comments