Os nacionalistas piden aos socialistas de Silleda que non poñan trabas para que o
resto de formacións poidan facer campaña con normalidade
Ecos da Comar/Silleda
O BNG de Silleda lembra que a lei electoral obriga aos Concellos a reservar locais públicos para a celebración de actos de campaña, así como a reservar lugares especiais gratuítos para a colocación de carteis colgados a postes ou farolas polo sistema chamado de bandeirolas. Nesa liña, sinala que "o Concello de Silleda, tanto nestas eleccións europeas como nas galegas, tan só puxo a disposición da Xunta Electoral os taboleiros localizados na N-525 nas vilas de Silleda e na da Bandeira (nese caso, parcialmente tapados por uns contedores de lixo)".
Publicidade
Os nacionalistas non entenden que o Concello de Silleda "non puxera de novo a disposición dos partidos políticos ningunha das farolas dos cascos urbanos e critican o chamado feito desde a dirección socialista comarcal ao BNG para retirar as bandeirolas que foron colocadas en días previos nalgunhas farolas de Silleda, nunha actitude que consideran pouco democrática, lamentando que a comunicación non se producise directamente entre representantes locais de ambas formacións". O BNG cre que os socialistas de Silleda "usen as farolas ao seu antollo" e acúsanos "de falta de coherencia".
Lembran que "non é a primeira situación deste tipo, recordando o sucedido nas anteriores eleccións municipais, onde os socialistas colocaron bandeirolas en farolas previamente ocupadas polos nacionalistas (como se ve na imaxe); ou o caso das pasadas eleccións galegas cando os socialistas non tiveron problemas para colgar publicidade electoral propia, cando daquela tampouco estaban postas a disposición para colgar bandeirolas. O que daquela non era un problema, hoxe é".
Ademais, apunta o BNG que "en canto a locais públicos, o Concello tan só puxo a disposición os pavillóns deportivos de ambas vilas". Desde o BNG lamentan que o goberno "non poña tamén a disposición o novo salón de actos, situado no edificio consistorial, para a realización de actos en período electoral, lembrando que este novo salón substitúe ó da antiga casa de cultura que si se viña usando para realizar actos de campaña".
Publicidade
Desde o BNG de Silleda recordan que a cesión de espazos públicos por parte dos Concellos aos partidos políticos non responde a un mero mandato legal, senón que se
trata dun xeito de defender o sistema democrático e a pluralidade política e piden aos socialistas de Silleda que se non queren facer campaña a nivel local, polo menos non impidan ao resto de formacións que si o fagan, polo que invitan aos socialistas "a reconsiderar a súa postura restritiva, facilitando o uso do espazo público a todos os partidos políticos".
Comentários