O BNG de Silleda fai públicas as demandas feitas ao goberno durante as negociacións dos orzamentos
- ecosdacomarca
- 30 mar
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
Os concelleiros do BNG de Silleda, Erea Rey e Xerardo Díaz, sinalan que se reuniron ata en catro ocasións co goberno municipal co fin de chegar a un acordo para a aprobación dos orzamentos locais, "logo de levar dous anos co orzamento prorrogado e sendo necesarias constantes modificacións de crédito para atender ás obrigas de gasto que foi adquirindo o municipio".

Desde o BNG, fixéronse catro peticións no mes de xaneiro, tal e como indica:
1. A adquisición dunha escarificadora para o mantemento dos campos de fútbol. "Esta maquinaria é necesaria para o mantemento dos campos de herba artificial municipais (decompactación, cepillado e recebado). Tal e como trasladan os usuarios dos campos, o mantemento que se leva a cabo actualmente con medios da Deputación non é suficiente para o constante uso que ditas instalacións teñen, o que repercute negativamente no estado do terreo e na súa vida útil, ben con medios propios ou da mancomunidade".
2. Destinar unha partida para resolver os problemas de climatización e humidade que presenta a biblioteca municipal. "En particular, estudar a viabilidade de renovar as xanelas e o illamento do teito e paredes. Estas actuacións servirían para ter un espazo cómodo para os usuarios e adecuado para a conservación dos libros e o arquivo".
3. Destinar unha partida para ampliar a Rede de abastecemento e saneamento de auga, "proposta que xa se incluía no acordo político asinado en xullo de 2023 entre o BNG de Silleda e o PSdeG de Silleda para aprobar os salarios do goberno e a contratación dun persoal de confianza".
4. Por último, "que o goberno local priorizase entre os seus investimentos a cofinanciación da obra para dotar ao CEIP de Silleda dun patio cuberto, así como a reforma do tellado do centro de saúde da Bandeira, que presenta constantes filtracións cara o interior".
Publicidade
En relación ao proxecto de orzamento finalmente presentado, na última reunión, indica o Bloque que "xa lle avanzamos que o BNG podería absterse, por considerar unha tomadura de pelo que se incluíra unha ridícula partida de 27.000 euros para estender a rede de abastecemento, servizo moi necesario no rural porque as augas están contaminadas, aparte de que se trata dun incumprimento do acordado expresamente entre ambas formacións políticas en 2023".
“Desde o BNG fomos moi xenerosos nesta negociación, e as nosas peticións eran asumibles e atendían necesidades importantes para a cidadanía. Por iso, sorpréndenos que o goberno non fixera seu nin tan sequera este compromiso tan básico e tan necesario” sinala a voceira, Erea Rey, engadindo que “estes orzamentos son o fiel reflexo das prioridades deste goberno, sen iniciativas que resolvan os problemas reais do rural, e sen vontade ningunha de cumprir os acordos asinados para a investidura e para que gobernaran eles”.
Comentarios