O BNG de Silleda denuncia "exceso de anuncios e falta de coherencia" na xestión dos edificios culturais
- ecosdacomarca

- 1 may
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda

En relación ao anuncio de que o goberno municipal traballa nun proxecto de mellora da biblioteca municipal, desde o BNG sinalan que nos "congratulamos de que a alcaldesa faga súa unha das principais demandas feitas polos concelleiros nacionalistas, Erea Rey e Xerardo Díaz, durante a negociación do orzamento do ano 2025, demanda que non foi atendida ao non incluírse unha partida destinada a estes traballos. Esperamos que esta situación se corrixa no orzamento do ano 2026, para que así os anuncios poidan concretarse en feitos e non queden só en anuncios".
Ao Bloque parécelles ben que se use o espazo no que se localiza as instalacións de Telefónica para ampliar a biblioteca, "pero non estaremos a favor de ningunha solución que pase por cubrir todo o patio central da Casa da Xuventude, que serve para que chegue a luz natural ao baixo que actualmente ocupa a biblioteca".
Publicidade
En todo caso, desde o BNG lembran unha vez máis "que os usuarios da actual biblioteca levan xa 3 anos utilizando unhas instalacións frías e húmidas como consecuencia do mal estado das fiestras, situación que foi denunciada en varias ocasións polos nosos concelleiros e que aínda hoxe non foi resolta polo Concello. Esta situación é unha mostra máis da mala planificación do goberno socialista no referente á construción do novo Concello e na falta de planificación para dotar a Silleda das instalacións culturais (biblioteca e salón de actos) que xa tiña".
Chama moito a atención, sinalan os nacionalistas, "que a alcaldesa anuncie que a reforma se vaia deseñar de forma coordinada coa rehabilitación da antiga Casa Consistorial cando no pleno de marzo o grupo socialista votou en contra da moción presentada polo BNG instando ao Concello a redactar un plan para rehabilitar ese edificio. Se a alcaldesa está a favor de converter a antiga casa consistorial en sede cultural, como propuxemos, debería ter votado a favor no Pleno e proceder a contratar a redacción do proxecto técnico, en lugar de facer un anuncio máis. Pedímoslle á alcaldesa coherencia entre o que fai no Pleno e o que anuncia logo interesadamente aos medios, por respecto ao Pleno e ao traballo dos demais grupos políticos” sinala a voceira, Erea Rey.
Publicidade
"Tamén queremos chamar a atención sobre o feito de que a alcaldesa se gabe de ter asinado un acordo con Telefónica para a retirada da central situada no patio traseiro, cando este responde a un plan organizado da compañía, iniciado en 2016, para desmantelar antes de 2026 todas as súas centrais de cobre no estado como consecuencia do despregamento masivo das redes de fibra óptica. É dicir, Telefónica xa tiña a previsión de desmantelar a instalación antes de final deste ano, sen que nada teña que ver o goberno local neste presunto “logro”".








Comentarios