O BNG de Silleda denuncia "demoras na revisión do prezo da luz pública"
- ecosdacomarca
- 4 abr
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda denuncia "demoras na revisión do prezo da luz pública". "En xuño de 2023 foi adxudicado o servizo de subministro e mantemento integral do alumeado público exterior do Concello de Silleda á empresa Ferrovial Construcción S.A., dando inicio o servizo o 28 de agosto dese mesmo ano. Ese contrato establecía a obriga de renovar as instalacións do alumeado público de Silleda co fin de ter o 100% do alumeado con tecnoloxía LED, o que permitiría reducir o gasto enerxético, fixándose nos pregos a obriga de rematar a renovación nun prazo máximo de 8 meses contados desde o inicio do contrato. Dáse o caso de que Ferrovial ofreceu como mellora unha redución deste prazo a 6 meses. Desde o BNG denunciamos que ese prazo máximo de 6 meses xa se incumpriu amplamente, pois non consta no expediente ningunha acta que confirme a finalización dos traballos de renovación".
Este retraso, como apunta o Bloque, na renovación das instalacións de alumeado exterior "non é unha cuestión menor, e pode ter un impacto económico para as arcas municipais, xa que o propio contrato establecía que a parte do prezo que se paga en concepto de prezo da electricidade debe revisarse anualmente, fixándose a primeira revisión no prazo de un ano desde que finalicen as obras de renovación".

“Como as obras de renovación non se completan, non estaría correndo ese prazo dun ano que habilita a revisar o prezo, polo que neste contrato temos un traballo de renovación que se fai fóra de prazo e uns prezos da enerxía que non se están revisando cando corresponde, o que podería estar derivando nunha fraude” advirte a portavoz, Erea Rey, que lembra que xa sucedeu algo semellante co contrato de recollida do lixo “cando denunciamos retrasos na compra de camións de lixo e que se lle perdoara á empresa concesionaria preto de 90 mil euros en penalizacións, favorecendo intereses das empresas a costa dos impostos que paga a veciñanza”
A este respecto, os nacionalistas lembran que cando se fixo o estudo económico por parte da concesionaria (principios de 2023) o prezo da electricidade estaba en máximos históricos, e cren que co retraso na realización das obras de mellora podería estar producíndose un prexuízo económico para as arcas municipais, que non se estarían beneficiando dun prezo que, a día de hoxe, podería ser máis baixo.
Publicidade
Por todo iso, desde o BNG esixen ao goberno que de maneira inmediata aclare se xa finalizaron os traballos de renovación de luminarias e cadros de mando e no caso de non ser así, que aclare as medidas que está levando a cabo para que se culminen.
Tamén piden que a OCSI (empresa externa contratada para o control e seguimento do contrato) valore cal tería sido o resultado dunha revisión de prezo da enerxía a finais de febreiro (data límite no que debería terse revisado o prezo logo dos 6 meses para a renovación e 1 ano de agarda posterior) para determinar se existe algún prexuízo económico para as arcas municipais.
Comments