O BNG de Silleda denuncia a situación de calor alta nos servizo de canguraxe e reclama medidas urxentes
- ecosdacomarca

- 20 jun
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda vén de visitar a aula onde o Concello presta o servizo de canguraxe, situada no interior do pavillón ubicado no patio do CEIP de Silleda, tras recibir diversas queixas de pais e nais polas altas temperaturas no interior do espazo. Durante a visita, na que participaron a voceira municipal, Erea Rey, e o concelleiro Xerardo Díaz, puideron comprobar “in situ” a situación. Segundo indican desde a formación nacionalista, a temperatura ambiental no interior da aula superaba os 32 graos, convertendo a estancia nun lugar “practicamente inhabitable nos días de calor”.

Ademais, o BNG fixo público nas súas redes sociais un vídeo da visita ás instalacións, no que se pode ver o estado da aula e a medición da elevada temperatura ambiental, co obxectivo de amosar de forma transparente a situación que están a denunciar as familias. Ademais das elevadas temperaturas, o BNG tamén constatou "o mal estado xeral das
instalacións, con paredes descorchadas, mesas en malas condicións e mobiliario antigo
e deteriorado", o que, ao seu xuízo, “non é acorde cun servizo básico que atende a nenos e nenas do concello”.
PUBLICIDADE
A voceira municipal, Erea Rey, lamentou que “non estamos ante un problema puntual, senón diante dunha situación que se repite cada verán e que o goberno coñece desde hai anos sen adoptar solucións efectivas”. Rey sinalou que “é incomprensible que, tratándose dun servizo esencial para a conciliación das familias, se manteñan unhas condicións que afectan directamente ao benestar dos nenos e nenas”.
Neste sentido, desde o BNG reclaman unha actuación inmediata por parte do goberno local. “Non se pode seguir mirando cara outro lado mentres os rapaces e rapazas pasan calor de máis nun espazo que debería ser seguro e confortable”, engadiu a voceira.
PUBLICIDADE
Como solución a curto prazo, a formación propón a compra e instalación de aparellos de aire acondicionado portátiles, que permitan reducir a temperatura da aula e garantir unhas condicións adecuadas durante os meses máis calorosos.
O BNG conclúe reclamando ao goberno municipal que “priorice dunha vez este problema e adopte medidas urxentes para garantir un servizo de canguraxe digno e axeitado para as familias de Silleda”.








Comentarios