Ecos da Comarca/Silleda
Tal e como se acaba de facer público, na convocatoria de decembro de 2024 quedaron sen praza 12 nenos nenas de 0-1 anos en Silleda, informa o BNG de Silleda. "Desde o BNG de Silleda poñémonos na pel desas familias que logo de rematar os permisos de maternidade/paternidade non teñen onde deixar as súas crianzas, e lamentamos a situación de incerteza que teñen que vivir numerosas familias con crianzas de 0 a 3 anos cada vez que se abre unha convocatoria de prazas".

Desde o BNG lamentan que en Silleda e noutras localidades da contorna "fosen moitos os nenos e nenas que quedaron sen praza, nun contexto no que recentemente a Consellaría de Servizo Sociais anunciou a bombo e prato que devolvía 22 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación outorgados á Xunta para crear 3.000 novas prazas públicas en escolas infantís en todo o país. Compre lembrar que o uso de ditos fondos estaban condicionados á creación de novas prazas públicas, mentres que a Xunta esixía poder destinalos ao pago de centros privados".
O propio presidente da Xunta, subliña o BNG, "anunciou esta devolución indicando que en Galiza non eran precisos eses fondos e que os cedían a outras comunidades para que os puideran aproveitar. Unhas declaracións que, tal e como puido saberse estes días, se contradín coa realidade que se vive en Silleda".
Publicidade
“Se cos cartos que din que van devolver fixeran unha aula máis na escola infantil de Silleda, a día de hoxe non habería ningún problema en Silleda”, afirma Erea Rey, que
pide ao Partido Popular que rectifique esta política. "Compre lembrar que, se ben a Xunta de Galicia presume da implantación da gratuidade en todas as escolas infantís, ao mesmo tempo obriga aos concellos a financiar parte destes custos, malia que o servizo de escolas infantís é competencia exclusiva do goberno galego".
“No caso concreto de Silleda, isto supón que o concello ten que aportar uns 80.000€/ano para o sostemento das citadas escolas, mentres a Xunta devolve uns fondos europeos que poderían destinarse a ese mesmo fin”, denuncia a voceira local do BNG que lamenta que o Concello non dispoña deses fondos para atender outras demandas prioritarias.
Desde o BNG anuncian a súa intención de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego denunciando esta situación e reclamando ao goberno galego que dote a Silleda de máis prazas na escola infantil pública.
Comentarios