top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O BNG de Silleda denuncia a falta de persoal no centro de saúde desta localidade

Ademais pide un reforzo no servizo de pediatría


Ecos da Comarca/Silleda

O Grupo Municipal do BNG de Silleda acaba de presentar unha moción para o seu

debate no próximo pleno ordinario, no que pide que o Concello se dirixa urxentemente

á Consellería de Sanidade para reclamar máis persoal facultativo para o PAC de Silleda,

así como un reforzo do servizo de pediatría.

Esta reclamación xorde logo das numerosas queixas recibidas nos últimos días por

parte de pais e nais que estiveron 15 días sen poder axendar cita no servizo de pediatría,

e que se viron obrigados ben a desprazarse ao hospital ou a acudir a consultas privadas.


Desde o BNG, sospeitan que a Consellería de Sanidade non está a cubrir as baixas no

servizo, sen importarlle que o Concello de Silleda quede sen este servizo básico. Así mesmo, son continuas as queixas que se reciben de veciños que chegan ao PAC para unha urxencia e teñen que agardar moitas horas para ser atendidos, cando non se lles convida a que acudan directamente ao Hospital en Santiago. Esta situación dáse con bastante asiduidade, toda vez que o único facultativo asignado ao PAC ten que facer numerosas saídas a domicilios, cubrindo un territorio moi extenso de máis de 320 kms cadrados.


Publicidade

Desde o BNG lembran que levan anos denunciando esta situación precaria para un servizo que consideran esencial, e cren que é urxente que a Xunta dote ao PAC dun

segundo facultativo que permita cubrir outras urxencias e eventualidades dos case 14 mil habitantes dos concellos de Silleda e Vila de Cruces.


“A situación vese agravada co paso dos anos, toda vez que temos unha poboación máis avellentada que require máis atención no domicilio, o que incrementa o número de horas

que o servizo de urxencias de Silleda queda desatendido” sinala a voceira local, Erea

Rey, que pide á Consellería de Sanidade que sexan responsables e apliquen o sentidiño

que tanto reclaman á cidadanía.


0 comentarios

ความคิดเห็น


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page