O BNG de Silleda cuestiona aspectos da consulta popular para a elección dos festivos locais
- ecosdacomarca
- 13 ago 2024
- 2 Min. de lectura
Apoian esta iniciativa, pero critica algunhas cuestións, como que debería habilitarse en ambos cascos urbanos un horario de mañá e tarde
Ecos da Comarca/Silleda
O Grupo Municipal do BNG de Silleda sinala que vén de coñecer a decisión do goberno municipal de levar a cabo unha consulta popular para a elección dos festivos locais do ano 2025. "Como membros da corporación municipal estamos de acordo con que se fagan
consultas á cidadanía e que dende o goberno se abran a escoitar as propostas dos veciños a través dunha consulta, como sempre viñemos reclamando; e para evitar a situación vivida o ano pasado, cando o goberno actuou a última hora, de costas á
veciñanza e intentando poñer ao Pleno en contra de algunhas asociacións".

En todo caso, "desde o BNG consideramos que para facilitar a participación cidadá
debería habilitarse en ambos cascos urbanos un horario de mañá e tarde para que a xente que traballa pola mañá poida participar sen necesidade de desprazarse ata a Bandeira ou no caso contrario a xente que traballa de tarde se teña que desprazar a Silleda".
Publicidade
Ademais, apunta que "tamén consideramos que o feito de poñer só tres opcións por escrito pode xerar certos impedimentos para outras alternativas que poidan propoñerse. E por iso cremos que o goberno, logo de escoitar ás asociacións culturais, veciñais e de festas así como as propostas individuais de veciños, debería incluír na papeleta un listado pechado con todas as opcións dispoñibles".
"Por último, temos que recordar que o goberno se comprometera antes do verán a comentar este asunto co BNG, optando agora por anunciar publicamente a consulta sen
antes consensuar o contido. Nese sentido, lamentamos que, unha vez máis, o goberno non se abra a coñecer as nosas propostas con carácter previo á presentación pública destas iniciativas. Cremos que á cidadanía lle iría mellor se o goberno municipal se abrise a escoitar achegas e propostas de mellora en lugar de tentar facer oposición da oposición. En todo caso, dende o BNG queremos recalcar que seguimos abertos ao diálogo e a traballar en conxunto para este e outros asuntos que lle afecten á veciñanza".
Información sobre a consulta popular no enlace: https://www.ecosdacomarca.com/post/silleda-convoca-%C3%A1s-urnas-%C3%A1-veci%C3%B1anza-na-1%C2%AA-semana-de-setembro-para-elixir-os-festivos-locais-dos-vin
Comments