O BNG de Silleda denuncia "a falta de control" nas obras da Avenida Recinto Feiral á saída do colexio
- ecosdacomarca
- 17 oct 2024
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda alerta "da situación de descontrol que se está a dar na contorna do CEIP de Silleda, por mor da coincidencia da realización de obras coa horario de saída e entrada do alumnado". Os concelleiros do BNG puideron comprobar in situ "a situación de descontrol e falta de seguridade que se vive durante o horario de saída, cando se realizan traballos de corte de pedra cunha radial que levantan grandes cantidades de po no aire, ao mesmo tempo que están a circular coches pola rúa -aínda en obras- mentres hai maquinaria pesada en movemento".

Así quedou recollido nun vídeo feito público onte mesmo nas redes sociais do BNG de Silleda, co cal queren denunciar "a falta de medidas de seguridade e control por parte do goberno municipal, á vez que lle piden que actúe con máis responsabilidade, por tratarse de obras que se están a desenvolver ao carón dun centro de ensino en funcionamento".
Compre lembrar que a empresa adxudicataria levou a máxima puntuación por parte da Mesa de Contratación nos criterios subxectivos de valoración, entre os que se incluían a “circulación apropiada de persoal e maquinaria pola obra” así como a “organización física da obra”, "criterios que como se pode comprobar non se están a cumprir na práctica", sinala o Bloque.
Publicidade
Desde o BNG recordan a crítica que xa fixeron en anteriores Plenos ao exceso de peso que teñen os criterios subxectivos á hora de adxudicar as obras, sen que logo exista unha supervisión real por parte do goberno durante a realización das mesmas.
Comentarios