Basearíase na posta en marcha dun programa de coidado e apoio á soidade, que padecen moitos maiores deste concello
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín ten claro que "tamén o futuro do noso concello pasa polo apoio, o coidado, os servizos e o asesoramento das persoas maiores, un tesouro que Lalín ten que aproveitar para ollar cara ao futuro". Por iso o seu voceiro, Paco Vilariño, solicitou a posta en marcha dende o Concello dun Plan Integral de Atención ás Persoas Maiores (PIAM) dirixido a ese 26% da poboación maiores de 65 anos.
Para o BNG os servizos públicos de calidade son “piar básico” dunha xestión de goberno que ten que atender ás persoas maiores e procurarlles non só servizos e asistencia, senón un papel activo no concello. Paco Vilariño destaca que “o compromiso do BNG cos nosos maiores vai máis alá do tema asistencial, queremos que Lalín sexa un concello modelo na atención aos nosos maiores”. Por iso, o PIAM deseñado e anunciado nas pasadas eleccións municipais polo BNG de Lalín prevé a posta en marcha dun programa de coidado e apoio á soidade, ademais doutras medidas destinadas non só ao envellecemento activo de calidade, senón tamén a promover a implicación “dun
capital humano que é o 26% da nosa poboación”.

Para Paco Vilariño, o plan integral de atención aos maiores é “unha proposta transversal que ten que comprometer as distintas áreas das políticas municipais”. Neste caso, o BNG de Lalín ten deseñado, dacordo coas demandas das persoas maiores deste concello, unha serie de actuacións encamiñadas a promover o envellecemento activo e paliar problemas “que temos detectado entre as nosas persoas maiores, coma é o da soidade”.
Con este obxectivo, Vilariño propón que, “os servizos sociais do concello en colaboración co tecido asociativo municipal a posta en marcha dun programa de atención para que os centos de persoas maiores que viven soas en Lalín dispoñan dun servizo de axuda e acompañamento que palie o problema da soidade”. O BNG considera que este servizo permitirá paliar problemas sociais tanto no urbano coma sobre todo no rural, un servizo que ademais suporá unha nova medida de conciliación para os milleiros de familias que en Lalín teñen que compaxinar a súa actividade diaria co coidado dos seus maiores.
Publicidade
O BNG de Lalín considera que "o noso concello ten que ser un modelo de envellecemento de calidade”, polo que este servizo sería fundamental para que os nosos maiores “coa súa sabedoría e experiencia, sigan formando parte activa do presente e o futuro de Lalín”. Así, o PIAM prevé tamén crear un Consello da Experiencia, integrado por maiores de todas as parroquias, que asesore ao goberno local no deseño das políticas coas que Lalín ten que
encarar o futuro e nas súas demandas coma colectivo no presente.
Paco Vilariño destaca a importancia deste novo servizo, onde moitas persoas maiores viven soas e, ademais dos servizos asistenciais, precisan de compañía. Así mesmo o PIAM prevé o deseño conxunto, en colaboración con todas as parroquias, de programas de actividades para as persoas maiores en todos os centros sociais parroquiais. Deste xeito, identificaríanse as necesidades e demandas dos maiores en cada parroquia para deseñar actividades que resposten a estas necesidades.
Comments