top of page

O BNG de Lalín solicita que se atendan as demandas laborais dos traballadores de Correos

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Ecos da Comarca/Deza

O BNG de Lalín levará ao vindeiro pleno municipal unha moción a través da cal insta ao Goberno Municipal a trasladar ás traballadoras e traballadores da Unidade de Reparto de Lalín o apoio do Concello de Lalín ás súas demandas laborais, no senso de dotala do persoal, recursos materiais e medios técnicos necesarios para a prestación dos servizos postais en parámetros de calidade, atendendo ás regulacións da Lei Postal e á Directiva Comunitaria da Unión Europea.


"O Grupo Correos, S.E CORREOS E TELEGRAFOS S.A.S.M.E., na súa denominación completa, é unha sociedade mercantil estatal cuxo cometido é fornecer o servizo postal universal en todo o Estado. O grupo é na actualidade, a principal empresa pública estatal tanto en dimensión da súa rede como en número de persoas empregadas. 

Correos é unha das poucas empresas públicas que sobreviviron á vaga privatizadora iniciada polo PSOE de Felipe González, primeiro, e o PP de Aznar, despois. Máis recentemente no tempo, as sucesivas reestructuracións do grupo ou a adaptación da lexislación estatal a unha directiva europea parecen ir anunciando o camiño cara á denominada "liberalización", é dicir, privatización do servizo postal", sinala o BNG.

A Unidade de Reparto (U.R.) de Lalín de Correos, que abrangue aos concellos de Lalín, Agolada, Dozón e Rodeiro, conta cunha rede composta polas distintas oficinas de atendemento ao público, unha en cada concello agás Dozón; abertas de luns a venres, tendo tan só horario completo e dobre turno a de Lalín. "A día de hoxe na quenda de mañá, a U.R. de Lalín consta de 23 seccións, das cales 7 son urbanas e 16 son circulares (carteiros e carteiras do rural, dos cales hai 3 en Agolada, 3 en Rodeiro e 2 máis que traballan entre Dozón e Lalín). Hai no actual cadro de persoal só 19 traballadoras e traballadores en activo, os cales teñen 4 recargos diarios, (servizo de reparto que é obrigado asumir polo resto das carteiras e carteiros) dende hai meses e que afectan só a territorio do Concello de Lalín: Chegando a ter 6 recargos durante bastante tempo por estar carteiras e carteiros en IT (baixa laboral por razóns de saúde ou accidentes), o cal supón que diariamente quede correo pendente sen entregar no seu destino", explica o partido nacionalista.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

"Este feito acredita que a situación da Unidade non é a axeitada para desenvolver o traballo dentro dos índices da calidade que a Correos se lle exixe para cumprir cos parámetros da legalidade (un reparto a todos os domicilios diario,cinco días á semana). 

Nos derradeiros meses, a sección sindical da CIG-Correos está denunciando públicamente que este servizo non conta con persoal suficiente para atender á cidadanía usuaria, xa que non se están a cubrir postos vacantes por baixas ou outras ausencias xustificadas. Esa falla de persoal provoca unha situación de sobrecarga nos traballadores, incrementando a presión sobre as persoas en activo".


Débese ter en conta, ademais, que esta unidade abrangue á comarca do Deza, a excepción dos Concellos de Silleda e Vila de Cruces, cunha poboación que na actualidade que sobrepasa os 26.000 veciños e veciñas. Ademais conta cunha extensión de 703,78 km2 e cunha densidade de poboación de 105,38 hab/km cadrados, factores que hai que considerar, pois á hora de cuantificar a carga de traballo, non só inflúe o número de envíos, senón que tamén pode estar tremendamente condicionada polas 

extensións distantes dalgúns dos percorridos en coche, que deberían ser redefinidos xa que imposibilitan cumprir e rematar os repartos diarios. A todo isto hai que engadirlle as condicións climatolóxicas adversas nesta comarca, durante o periodo invernal e con altitudes de máis de 600 metros sobre o nivel do mar, con todo o que supón isto: sensacións térmicas de moito frío polo vento e as baixas temperaturas. 


"Neste contexto, é un erro por parte da empresa aplicar un criterio baseado exclusivamente na perda do volume de envíos postais, para determinar o cadro de persoal necesario, xa que os datos que anteceden son contrastables e acreditan factores que inflúen de maneira manifesta á hora de desempeñar o traballo. Por outra parte, a empresa está a introducir, de xeito forzado, novos servizos no rural con criterios exclusivamente comerciais, que engaden maior presión e carga de traballo a un persoal xa saturado pola falta de efectivos vacantes", resalta o BNG.


A situación descrita, sinala," redunda nun peor servizo postal para o conxunto da veciñanza dos concellos de Lalín, Agolada, Dozón e Rodeiro; ademais dunhas peores condicións laborais para as traballadoras e traballadores. Un deterioro na calidade do servizo, que antes que en Correos xa vimos noutras empresas, organismos e servizos públicos, logo privatizados. Ao final, coma sempre, ademais do persoal que traballa, é a cidadanía usuaria do servizo público a gran prexudicada". 


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por todo o anteriormente exposto, o BNG no Concello de Lalín, propón ao Pleno a seguinte MOCIÓN

1.-Instar ao Goberno Municipal a trasladar ás traballadoras e traballadores da Unidade de Reparto de Lalín o apoio do Concello de Lalín ás súas demandas laborais, no senso de dotala do persoal, recursos materiais e medios técnicos necesarios para a prestación dos servizos postais en parámetros de calidade, atendendo ás regulacións da Lei Postal e á Directiva Comunitaria da Unión Europea. 

2.-Instar ao Goberno Municipal a demandar da Dirección da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos: 

a) Dotación de todos os recursos necesarios, humanos e materiais, en orde a garantir a prestación dun servizo postal universal público e de calidade, en toda a Unidade de Reparto de Lalín, para poder realizar o reparto os cinco días da semana, garantindo a contratación do persoal suficiente que é imprescindible. 

b) Reparto equitativo das cargas de traballo, reestructurando a distribución das zonas de reparto e atención e consolidando a rede xa existente de puntos de atención e mesmo ampliándoa en función das necesidades da poboación. 

c) Dotación de vehículo de empresa a aquelas persoas que o demanden nos servizos de reparto rurais. 

3.- Manifestar a firme aposta porque Correos siga a operar como Servizo Postal Universal, de carácter público frente a calquera tentativa privatizadora, presente ou futura.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page