top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O BNG de Lalín solicita que non se implante a zona azul na rúa Areal

Tacha a decisión "como unha ocorrencia do PP que vai aumentar aínda máis a desfeita realizada nesa rúa"


Ecos da Comarca/Lalín

Desde o BNG de Lalín consideran que a proposta de implantar a zona azul na rúa Areal "parte dun enfoque equivocado e non incide no problema real que creou o Goberno Municipal cunha actuación nesa rúa que é un auténtico despropósito a todos os niveis (estacionamento, seguridade vial, funcionalidade, estética, prazos de execcución, etc)".

O seu voceiro municipal, Paco Vilariño, que xa preguntou por este tema no pleno do pasado venres, sinala que "os problemas de tráfico e aparcamento veñen motivados pola falla dun deseño dos espazos urbanos da nosa vila e pola máis que evidente falta total dun proxecto de vila" como tamén o propio Vilariño fixo fincapé ao Alcalde o venres pasado.

Apunta Vilariño "que estamos ante unha nova improvisación por parte do goberno municipal que carece dun modelo para o noso concello. Hoxe necesitamos que Lalín deixe atrás propostas e modelos urbanos do século XX e se incorpore ao século XXI".

Vilariño asegura que esta rúa, igual que moitas outras, "necesita de solucións integrais aos problemas que xeraron e non improvisar solucións parciais que son auténticos parques que o único que van facer é agravar a situación actual".


O voceiro municipal manifestou que ao único no que "vai contribuír esta ocorrencia do PP é en aumentar o caos actual e aproveitar unha nefasta actuación para implantar unha medida totalmente ineficaz e que na práctica só ten un afán recaudatorio".


Publicidade

En canto á dinamización da economía comercial da rúa, o BNG entende que este obxectivo non se vai acadar na medida en que esta proposta de limitar o estacionamento a 90 minutos non é realista. "Nese espazo de tempo é imposible facer unhas mínimas xestións, facer compras ou ir a un local de hostalería. Para potenciar o comercio é preciso mellorar a súa contorna, e isto non só se limita a ampliar rúas… Precisamos crear un lugar mais atractivo e cómodo".


Para o nacionalista "tentar saír desta situación bochornosa dicindo que é para dinamizar a economía incidindo unicamente nunha regulación dunha determinada zona de aparcamento non é a solución máis acaida". Pola contra entende que vai provocar o efecto contrario, vai facer que moitas persoas deixen de interactuar nesta rúa. 


Publicidade

Vilariño argumenta que "botamos tamén en falta a consulta e diálogo cos veciños e veciñas directamente perxudicados e tamén a presentación dun estudo pertinente para facer esta proposta". Afirma o nacionalista que a implantación da Zona Azul "obrigará a que os usuarios que usan habitualmente esa zona de aparcadoiro, tanto as persoas residentes en Lalín como as que veñen desde outros concellos, procuren outras zonas onde aparcar o coche levando o problema a outros lugares".


Para Vilariño "resulta tamén especialmente grave comprobar que máis unha vez este goberno volve a mentir aos seus veciños, xa que o 24 de novembro do pasado ano aseguraba que descartaba extender a zona azul a máis das 10 rúas actuais". A maiores o nacionalista asegura que "o control por parte da Policía Local de Lalín do cumprimento desta ordenanza vai implicar unha maior carga de traballo para este xa mermado corpo, provocando unha desatención doutros servizos e actuacións".



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page