O BNG de Lalín solicita ao goberno local a modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI
- ecosdacomarca

- 30 oct
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín levará ao vindeiro pleno municipal unha moción a través da cal solicita iniciar o procedemento de modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), co obxectivo de establecer o tipo impositivo aplicable aos bens inmobles urbanos no 0,4%.

"O Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) é un dos principais tributos municipais e un dos que máis afectan directamente ás economías das veciñas e veciños de Lalín. Na actualidade, moitas familias e pequenos negocios sofren unha carga fiscal excesiva derivada non só do tipo impositivo aplicado, senón tamén dun valor catastral dos inmobles claramente sobrevalorado, froito dunha “ponencia de valores” que non se corresponde coa realidade do mercado inmobiliario nin coa evolución económica do municipio", explica o Bloque.
Esta sobrevaloración, apunta, "provoca que o importe final do IBI sexa desproporcionado en relación coa capacidade económica real da veciñanza, xerando unha situación inxusta e contraria ao principio de progresividade fiscal. A Lei Reguladora das Facendas Locais establece que o tipo mínimo aplicable para inmobles urbanos pode fixarse no 0,4%, o que permite ao Concello de Lalín compensar parcialmente esta sobrevaloración e aliviar a presión fiscal sobre os fogares e empresas do municipio, ferramenta esta que desde o cuatripartito aplicamos en beneficio evidente da veciñanza".
Publicidade
E indica que reducir o tipo impositivo do IBI ao 0,4% "suporía: corrixir, na medida do posible, os efectos negativos dun valor catastral excesivo, apoiar ás familias nun contexto de encarecemento xeralizado dos presos, fomentar a fixación de poboación e a actividade económica en Lalín e avanzar cara a unha fiscalidade máis xusta, equilibrada e socialmente responsable".
"A suba impositiva que aprobou o PP, baseada en pasar o tipo impositivo do 0,4 ao 0,5 traduciuse nun pau a maiores para as economías familiares dos vecinos e veciñas, que xa están a sufrir dificultades económicas evidentes, xa que dito cambio de tipo impositivo supón, nen máis nen menos, que una suba lineal a toda a veciñanza do 25%", lamentan os nacionalistas.
O BNG considera unha "desvergoña que o PP de Lalín non só non tome nin una soa medida social de apoio ás familias, senón que por riba decide subir os impostos para agravar aínda máis as súas economías. Esta inasumible suba cuantifícase en 766.000 euros, ao pasar a recaudación do ano 2023 (co tipo impositivo ao 0,4) de 3.196.073,23 euros a 3.962.249,67 no ano 2024, e prácticamente igual vai ser no 2025 (co tipo ao 0,5)".
Publicidade
Polo exposto anteriormente, o Bloque Nacionalista Galego de Lalín propón ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
ACORDO:
1.- O Pleno do Concello de Lalín acorda iniciar o procedemento de modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles, co obxectivo de establecer o tipo impositivo aplicable aos bens inmobles urbanos no 0,4%.








Comentarios