top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O BNG de Lalín solicita a rebaixa das peaxes na AP-53 durante o tempo que duren as obras

Denuncia que se está cobrando por un servizo que non ofrece


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín sinala que na AP-53 estase levando a cabo obras nos viadutos da ponte sobre o río Ulla dende hai varios mes ao que hai que sumarlle agora o asfaltado de varios tramos. "Por mor das mesmas, a concesionaria cortou unha calzada de circulación, de xeito que o tráfico vai pola calzada adxacente en dobre sentido de circulación. Isto provoca problemas aos usuarios que ven que, logo de pagar por un servizo nunha estrada, que obrigatoriamente ten que ter unhas características de seguridade e rapidez, atópanse cunha vía que limita a velocidade a tramos de 80 km/h e incluso 60km/h ao longo de varios quilómetros, con obstáculos, con dobre sentido de circulación e polo tanto menos seguridade", recalca o Bloque.

Ademais, afirma o voceiro, Francisco Vilariño, que "calquera autoestrada e máximo esta que é un auténtico atraco polos seus elevadísimos custes (6,70€ desde Lalín a Compostela en vehículos lixeiros, e máis do dobre en pesados), obriga á empresa concesionaria a garantir a ausencia de molestias, incomodidades e inconvenientes para os usuarios e usuarias, de tal xeito que se entende que o cobro da peaxe integra só está xustificado se se presta o servizo nas condicións adecuadas".


Publicidade

Por outra banda, indica que segundo sentenzas xudiciais, "a concesionaria non pode cobrar a peaxe íntegra nas vías nas que se produzan incidencias e molestias sempre e cando non se tivera informado sobre o estado da vía coa antelación suficiente como para que o usuario puidese optar por non incorporarse á autoestrada ou por abandonala antes de chegar ao treito afectado. Este incumprimento trouxo como consecuencia que a empresa está optendo uns beneficios que non lle corresponden á costa dos usuarios e usuarias que padecen as consecuencias".


Publicidade

Solicita Vilariño ao Ministerio de Transporte e Mobilidade que non mire para outro lado e que lle esixa á concesionaria da AP-53 a devolución dunha porcentaxe da peaxe a todos e todas os usuarios que poidan acreditar a utilización da mesma desde o inicio das obras por non estar prestando o servizo nas condicións pola que se paga. Ao mesmo tempo, esixe que o Ministerio lle esixa á concesionaria a rebaixa da peaxe da AP 53 mentres duren as obras na mesma.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page