Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín presentará no vindeiro pleno unha moción para reclamar a rebaixa da peaxe da AP-53 entre Santiago de Compostela e Lalín e a mellora do seu firme.
"A autoestrada AP-53 entre Santiago-Ourense, no seu treito entre Compostela e Lalín, é unha das máis caras do Estado español. Esta situación supón un agravio e unha discriminación para a mobilidade das persoas e para a conectividade-competitivade das empresas da comarca de Deza nas súas relacións coa área de Compostela", apunta o BNG. "Até o de agora as forzas estatais, a pesar de afirmar -cando se celebran eleccións- que están de acordo coa demanda, a realidade é que non fixeron absolutamente nada cando estiveron no Goberno en Madrid. A proba está en que este ano se acadou a cifra récord de pagamento", engade.
O BNG introduciu nas negociacións para dar o seu apoio na investidura como presidente do goberno do Estado a Pedro Sánchez non só a rebaixa da autoestrada AP-9 senón tamén da AP-53. "Este último acordo non se materializou a día de hoxe xa que o goberno do Estado non o abordou na comisión mixta de transferencias entre Xunta e Estado que se tiña que ter celebrado neste ano 2020 e no que seguiremos traballando para que se convirta nun punto de inflexión importante para empezar a solucionar o disparado
custo desta peaxe".
A recente rebaixa posta en marcha na AP-9, a maior feita en 40 anos nesta autoestrada, é froito do acordo de investidura asinado polo BNG e sitúa indiscutiblemente á AP-53 no posición de saída para ser a seguinte en actuar sobre ela cunha importante rebaixa. "De non ser así seguirán descriminando e condeando aos veciños e veciñas do interior de Galiza a ter unhas condicións moito peores, tanto a nivel social como económico".
O BNG presentou unha emenda aos últimos orzamentos do Estado pedindo unha vez máis a rebaixa da AP-53 e "o goberno estatal de PSOE e PODEMOS considerou que estas reivindicacións non eran prioritarias, consumando así o seu voto en contra". Dende o BNG denuncian que mentres os investimentos medran en distintas autonomías, incluso por riba de ata o 60%, no noso país baixan un 11% con respecto aos últimos orzamentos realizados durante o goberno de Rajoy, que xa eran claramente insuficientes. "O goberno de coalición entre PSOE e PODEMOS pretende xustificar esta baixada coa escusa de que o AVE xa está rematado, pero faltan á verdade, xa que o Ave a Galiza non se rematará mentres non se realice a variante de Ourense, que custa máis de 600 millons de euros e que só ten orzamentado 25 millóns. E dicimos que é claramente unha escusa, xa que autonomías como Andalucía e as do Mediterráneo teñen o AVE rematado dende hai anos, e sen embargo increméntase sensiblemente o investimento nelas".
"Por desgraza, sinala, as forzas estatais non só practican a alternancia no poder, senón tamén a alternancia na discriminación de Galiza á hora de realizar os investimentos, situación que, lóxicamente, afecta ao noso Concello dun xeito moi importante. Chámanos a atención que cando están no poder rexeitan as emendas do BNG e cando están na oposición apóianas, uns e os outros. Non é lóxico que unha vía de comunicación que ten o percorrido Ourense Lalín sexa de competencia galega e a outra parte até Santiago de Compostela sexa competencia do Estado, o que é unha demostración clara do disparate que significa a xestión das infraestruturas en Galiza. A AP-53 é fundamental para as comunicacións de Lalín, aínda máis cando a estrada convencional está a soportar un tráfico pesado enorme como consecuencia da portaxe tan elevada; provocando un problema de seguranza viaria nos núcleos que atravesa e evidenciando, ademais, que é preciso, tamén, mellorar os accesos".
Perigosidade do vial
Por outra banda, alerta da perigosidade deste vial. "Vense comprobando nos últimos anos, principalmente no treito da autoestrada que comunica Santiago e Lalín, que a circulación por esta vía de alta capacidade en días chuviosos encerra unha perigosidade que debe de ser resolta con urxencia. En xornadas de chuvia máis ou menos cuantiosa o carril dereito da marcha en ambos sentidos non é capaz de drenar correctamente a auga, polo que se
forman importantes acumulacións e pozas que dificultan a circulación e poñen en perigo os condutores. É por iso polo que en días chuviosos resulta habitual comprobar como os vehículos circulan polo carril esquerdo para evitar a auga e a perigosidade do denominado “aquaplanning”, ocupando deste xeito un espazo reservado para adiantamentos. Ademais, circular polo carril dereito cando está anegado detrás doutro coche tamén dificulta seriamente a visibilidade debido á auga que libera o coche precedente, o que constitúe outro claro factor de risco para que se produza un accidente·, recalca.
Ademais, indica que son moitos os usuarios que veñen demandando unha solución a esta cuestión "sen que polo de agora se tomaran medidas por parte das administracións competentes para acabar coa problemática nunha estrada que é de pago, cunhas tarifas excepcionalmente elevadas, e na que polo tanto, a seguridade debería estar totalmente garantida".
O Bloque Nacionalista Galego de Lalín propón ao Pleno da Corporación Municipal a
adopción de acordar esixirlle ao Goberno da Xunta de Galiza que, dentro do seu ámbito competencial, asuma de maneira clara e firme o compromiso de realizar todas as xestións necesarias para propiciar con carácter urxente a rebaixa da inasumible peaxe da AP-53; esixirlle ao Ministerio de Fomento que, dentro do seu ámbito competencial, asuma de maneira clara e firme o compromiso de realizar todas as xestións necesarias para propiciar con carácter urxente a rebaixa da inasumible peaxe da AP-53 e demandarlle ao Ministerio de Fomento que acometa as obras de mellora necesarias no firme da AP-53 para poñer solución aos serios problemas de acumulación de auga no carril dereito durante os días de
chuvia.
Comments