O BNG de Lalín propón destinar 2 millóns a un programa de orzamentos participativos para 2026
- ecosdacomarca

- 17 sept 2025
- 2 Min. de lectura
Pide poñer en marcha esta medida piloto para que a veciñanza decida directamente en que se invisten os recursos municipais
Ecos da Comarca/Lalín
O Bloque Nacionalista Galego propón a posta en marcha dun programa piloto de orzamentos participativos en Lalín o vindeiro ano 2026. A fronte nacionalista vai trasladar esta medida ao grupo de goberno para que a veciñanza de Lalín decida directamente en que se invisten un mínimo de 2 millóns de euros dos próximos presupostos do Concello.

A Responsable Local do BNG, Mari Fernández, considerou que “é momento de avanzarmos” para que a veciñanza e os colectivos sociais participen na definición dos orzamentos, por tratarse da “decisión máis importante” por definir a que se van destinar os recursos municipais e que necesidades se van atender. Unha medida que se desenvolve con éxito dende hai décadas en numerosas concellos do mundo e do Estado.
Mari Fernández defendeu os orzamentos participativos como unha fórmula para impedir a “xordeira absolutista” do Goberno de Crespo, a quen reprochou que converta cada ano os orzamentos en “papel mollado”. “Non podemos seguir soportando presupostos que insisten en gasto aparencial e macropoxectos, mentres a nosa vila e parroquias continúan abandonados e as necesidades reais das lalinensas e lalinenses seguen desatendidas”.
PUBLICIDADE
Desde o Bloque Nacionalista Galego reivindicaron esta medida como un “instrumento fundamental para fortalecer a democracia a nivel local, na certeza de que democracia é moito máis que votar cada catro anos”. Con orzamentos participativos, aseguraron, será a veciñanza quen decida de forma directa cales son os proxectos prioritarios, fomentando a transparencia, reducindo desigualdades e dando voz a colectivos e veciñanza.
PUBLICIDADE
“A decisión sobre como usar o diñeiro da veciñanza non pode tomarse só en función do capricho do alcalde ou do criterio do seu grupo de Goberno”, afirmou a Responsable Local do BNG, defendendo que “Lalín merece uns orzamentos para todo o concello”.








Comentarios