O BNG de Lalín propón a creación de 'Ciclo rúas'
- ecosdacomarca
- 10 jun
- 2 Min. de lectura
"Queremos avanzar para lograr unha vila máis humana, con espazos públicos pensadas paras as persoas", destaca Mari Fernández
Ecos da Comarca/Lalín
Desde o BNG de Lalín solicitan ao goberno municipal adaptar o casco urbano desta localidade "a unha nova realidade na mobilidade urbana, máis sostible, ecolóxica e saudable. Até agora só viamos vehículos a motor e algunha bicicleta polas nosas estradas, máis agora tamén entran en xogo outros vehículos como as bicis eléctricas", destaca o Bloque-
Sinala que as institucións e sobre todo as locais, están a ver en todo isto unha gran oportunidade para dar un xiro na mobilidade das súas vilas tentando xerar novos valores para as vindieras xeracións, "así é como lemos cada vez máis nos xornais e medios de difusión como os Concellos se fan eco das súas melloras con carrís-bici, vías ciclables e adaptacións de carrís para a convivencia de vehículos a motor e bicicletas. En definitiva, tentar que as nosas vilas e cidades vaian cara un lugar do que nunca deberon saír, cara unha forma de mobilidade que non xera residuos, boa para a saúde e de custe mínimo para os cidadáns e cidadás".

Todo isto, sinala, "ocorre moi preto de nós e vémolo todos os días, tan só fai falla saír un pouco da nosa contorna para ver sitios cada vez máis adaptados para o uso da bici, menos no concello de Lalín, onde a desidia do goberno local tamén se fai constar neste ámbito".
Apunta Mari Fernández que Lalín "segue á cola do progreso nun tema tan interesante e de sentido común como é este. Cada vez existe máis demanda na nosa sociedade para a creación de vías ciclables, xa que é a veciñanza quen quere utilizar a bici con seguridade para ir ao traballo, facer a compra e/ou manterse saudáble facendo exercicio, así como pais e nais que queren ir seguras coas súas crianzas mentres lles inculcan valores para unha mobilidade máis humana e respetable co medio ambiente".
Publicidade
Desde o BNG defenden que se fai necesario comezar por unir con carrís-bici os principais
puntos estratéxico do concello (centros de ensino, zonas deportivas, administrativas, etc), onde evidentemente sexa posible pola realidade da vías e as condicións técnicas e de seguridade das mesmas.
"Ao noso entender facer realidade isto non é un problema de presuposto nin de facer grandes obras, tan só é cuestión de vontade e gañas de traballar". A organización nacionalista solicítalle ao PP que rectifique na súa actitude no que se refire ao uso dos espazos públicos, e así poder facer realidade dun xeito progresivo a creación de ciclorúas nas que as bicicletas teñan preferencia. "A nosa proposta "para un Lalín ciclable" inclúe tamén a instalación de aparcabicicletas en espazos públicos", engade. Mari Fernández defende que esta iniciativa "ten como obxectivo avanzar para lograr unha vila máis humana, con espazos públicos pensados para as persoas, un debate este que está agora máis presente ca nunca e no que o BNG leva anos apostando por este modelo".
Comentarios