Será na sede do partido nacionalista todos os venres en horario de tarde e encalquera outro momento mediante cita previa
Ecos da Comarca/Lalín
As demandas e consultas cidadás serán atendidas polo BNG de Lalín agora tamén de xeito presencial, na sede da organización nacionalista situada na rúa principal, nº 9 – 1º dereita. O horario habitual de atención será todos os venres de 16:00 a 18:00 horas. Tamén se atenderá noutros horarios, máis será necesario concertar cita nese caso a través do correo lalin@bng.gal ou a través de mensaxes nas redes sociais do BNG de Lalín.
A intención do BNG de Lalín é poñer á disposición da veciñanza o seu traballo de oposición, do xeito máis accesible posible, respondendo así á crecente demanda da poboación, que nos últimos meses fixo que os representantes nacionalistas se reunisen case a diario con persoas, asociacións ou clubes deportivos que buscaban solucións as súas necesidades.
Esta atención que contará coa presenza do seu voceiro municipal, Paco Vilariño, e do Responsable Local da organización nacionalista, Manuel Carbón, sumaráselle tamén a deputada no Parlamento Galego, Ariadna Fernández, que ao mesmo tempo tamén é concelleira en Lalín, e que como resultado dos magníficos resultados acadados nas últimas eleccións galegas este concello pode contar por primeira vez cunha deputada, "que a diferenza de Román Rodríguez do PP, sexa unha persoa accesible e comprometida cos numerosísimos problemas que Lalín ten e que a súa resolución dependen da administración autonómica".
Así pois, o BNG seguirá escoitando as inquedanzas da xente como até o de agora, presencialmente ou a través do teléfono, do correo electrónico ou das redes sociais, pero engadindo a posibilidade de tratar as inquedanzas da veciñanza co grupo municipal e cunha deputada sen contacto previo. As portas do BNG de Lalín seguirán estando sempre abertas para trasladar as necesidades da veciñanza a todos os niveis que poidan ser precisos: Concello, Xunta de Galiza, Deputación, Parlamento do Estado ou Parlamento
Europeo.
Desde a organización nacionalista queren facer este esforzo organizativo para ser a voz de todos e todas aqueles veciños e veciñas que, ou ben non comparten o proxecto político do PP ou precisan de axuda para resolver calquera cuestión de interese xeral, e por iso convidan a facer uso do mesmo a todos e todas os lalinenses “porque no BNG sempre temos as nosas portas abertas ao que realmente importa, a xente”.
Publicidade
Lembran desde o BNG que a participación cidadá, o diálogo e o entendemento son “as señas de identidade do BNG de Lalín”, por iso este espazo aberto supón “un paso máis nos que levamos anos dando en Lalín para achegar as nosas propostas aos veciños e veciñas, para escoitar o que á veciñanza lle preocupa e para ser a canle política das súas demandas”.
Animan á veciñanza lalinense “a entrar á sede do BNG, falar con nós e explicarnos as súas preocupacións”. Este contacto directo coa cidadanía é o fundamento básico co que o BNG desenvolveu nos últimos anos a súa actividade política en Lalín. Lembran que “onde hai unha preocupación, unha inxustiza, falla de servizos ou calquera problemática veciñal, o BNG sempre estivo e estará aí para escoitar, dialogar e xestionar”.
Σχόλια