O BNG de Lalín pide reforzar os mecanismos de protección para as traballadoras do SAF
- ecosdacomarca

- 13 ago 2025
- 3 Min. de lectura
Urxe á realización de avaliacións de riscos laborais, tamén psicosociais, en todos os servizos como demanda a representación sindical, e a actualización dos protocolos existentes
Ecos da Comarca/Lalín
O Bloque Nacionalista Galego de Lalín instou ás administracións responsables, tanto Xunta de Galiza como Concello de Lalín, a reforzar os mecanismos de prevención e protección para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Esta chamada á acción xorde tras o recente asasinato dunha traballadora do SAF no Porriño, un tráxico suceso que, para a fronte nacionalista, debe marcar un punto de inflexión na protección destas profesionais.
O portavoz municipal do BNG, Paco Vilariño, defendeu que “o sucedido no Porriño ten que marcar un punto e a parte e as administracións responsables, tanto Xunta como Concello, deben establecer protocolos claros que eviten que algo así poida suceder”.

Vilariño destacou que "as traballadoras do SAF veñen denunciando situacións inadmisibles nos domicilios, como insinuacións, intentos de agresión (mesmo sexual) e esixencias que nada teñen a ver coa prestación do servizo". Estas situacións supoñen un risco significativo para as traballadoras, que desenvolven o seu labor soas en domicilios particulares, atendendo a persoas maiores e/ou dependentes, moitas veces con doenzas neurodexenerativas ou patoloxías psiquiátricas.
Reforma estrutural do SAF
O BNG defende a necesidade dunha reforma estrutural do SAF para adaptalo ás necesidades actuais, garantindo mellores condicións laborais e salariais para as traballadoras, así como unha maior protección.
Publicidade
O portavoz municipal do BNG criticou a transferencia de riscos ás traballadoras do SAF, que ademais padecen condicións laborais de extrema precariedade e salarios de miseria. "Xunta e Concello non poden transferir os riscos ás traballadoras do SAF", declarou Vilariño. Tamén, esixiu que ambas administracións deben actuar para asegurar a integridade física e psicolóxica do persoal do SAF e garantir o estrito respecto dos dereitos laborais e das medidas de prevención e protección da saúde e seguridade laboral.
En relación ao SAF de Lalín, Vilariño reclamou que “é imprescindible realizar unha avaliación de riscos laborais, tamén de tipo psicosocial, en todos e cada un dos servizos que se prestan", como reclama a representación sindical esta demanda foi trasladada á empresa en reiteradas ocasións, esixíndolle que a evaluación de riscos se realice por persoal debidamente cualificado e, ademais,que se cumpra o establecido na modificación do RD39/1997 publicada no BOE-A-2024-18182,en concreto na disposición decimoterceira,específica para o Servizo de Axuda no Fogar(SAF).
Ademais, demandou revisar e actualizar os actuais protocolos para abordar as situacións de maior risco e á súa vez tamén insta a Servizos Sociais e á propia empresa a actualizar e difundir de forma clara e accesible as tarefas que competen ás auxiliares e sobre todo as que NON , para evitar que o descoñecemento por parte dos usuarios e familias sobre as funcións reais deste servizo non derive en consecuencias de sobrecarga física e psicolóxica para as traballadoras, que a miúdo se ven obrigadas a xustificarse en situacións incómodas que non lles corresponden.
Publicidade
Inacción municipal
Co obxectivo de reforzar os mecanismos de protección e seguridade laboral das traballadoras do SAF, o BNG dirixirase á concellaría de Política Social para demandar información sobre as medidas que ten previsto adoptar. "O Concello de Lalín, como xestor e licitador da prestación do servizo, debe garantir a seguridade e protección das traballadoras dun servizo tan esencial e sensible como o SAF", concluíu Vilariño.








Comentarios