top of page

O BNG de Lalín pide que se declare a caducidade das licenzas de dúas construcións inacabadas da SAREB

Están situadas na rúa Nuno Eanes de Cercio esquina coa rúa Maruja Gutiérrez e na rúa Álvaro Cunqueiro


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín volve incidir sobre a problemática da falta de vivenda neste municipio. "Hai tempo que desde o BNG de Lalín denunciamos, e sobre todo, pedimos solucións, á grave situación que ten o noso Concello en materia de vivenda. Neste senso, convén lembrar que o PP nun pleno municipal xa rexeitou unha moción nosa na que pedíamos declarar a caducidade das licenzas de dúas construcións inacabadas do SAREB situadas na rúa Nuno Eanes de Cercio esquina coa rúa Maruja Gutiérrez e na rúa Álvaro Cunqueiro", algo que o Bloque volve demandar.


Para o BNG resulta especialmente significativo o papel do SAREB "xa que é unha sociedade participada maioritariamente polo Estado e que os seus bens foron adquiridos polos contribuíntes mediante a emisión de débeda avalada polo Estado, coa finalidade de “xestionar, con compromiso social, os activos inmobiliarios procedentes do saneamento do sector financieiro”, polo que os terreos dos que dispón, como solicitamos tamén no pleno de outubro desde o BNG, deberían ser transferidos ao Concello de Lalín con carácter permanente e a título gratuíto para poñelos a disposición da Xunta de Galiza para facer vivienda pública. Pedimos un cambio radical na política de xestión de activos inmobiliarios da SAREB, que poña o foco no aproveitamento público das vivendas e terreos dos que é titular, en lugar de destinar ditos inmobles a ser poxados a fondos de investimento inmobiliario, evidentemente pouco preocupados polo interese público".


Para o BNG é fundamental ter unha posición firme e decidida para poder aportar solucións "ao gravísimo problema de acceso á vivenda que temos en Lalín, e polo tanto, quen especula debe ser tratado como especulador, sendo a administración quen lle obrigue a cumprir coa normativa, e non sendo cómplice activo mirando para outro lado como acontece neste momento".

Sinalar que as licenzas de construción teñen un prazo de caducidade de tres anos para a total terminación das obras. O Concello pode conceder prórroga dese prazo logo de solicitude expresa do titular da licenza. Cada prórroga non pode ser superior a ese prazo de tres anos, ademais non poden interromperse as obras por un tempo superior a seis meses. Transcorrido o prazo de caducidade (do prazo inicial ou das prórrogas concedidas), o Concello está obrigado a declarar de oficio a caducidade da licenza. Esa declaración de caducidade extingue os efectos da licenza. E para que sexa posible rematar a construción, é preciso obter una nova licenza que deberá ser acorde coa normativa existente no momento de concesión desa nova licenza, tal e como explica o Bloque.


Desde o BNG lembran que tras a crise económica posterior á burbulla inmobiliaria, en Lalín, quedaron sen rematar unha serie de promocións. "Ademais doutras posibles edificacións menores, en Lalín, a SAREB é propietaria a día de hoxe de dúas grandes promocións inmobiliarias que están nesta situación inacabada e, en conxunto, poderían achegar ao mercado inmobiliario preto de 100 vivendas". Esas grandes promocións están ubicadas en:

- Rúa Nuno Eanes de Cercio esquina coa rúa Maruja Gutiérrez.

- Rúa Álvaro Cunqueiro.


"Estas edificacións inacabadas contaron con licenza de construción que, hoxe, xa están

caducadas por ter transcorridos sobradamente os prazos de caducidade, mais o Concello non declarou a caducidade destas licenzas. Nas case dúas décadas transcorridas dende a concesión destas licenzas caducadas ata a actualidade foi promulgada numerosa normativa máis esixente coa calidade ou condicións esixidas nas vivendas. Tal é o caso das Normas do Hábitat ou do vixente Código Técnico. O pasado ano xa advertimos da situación e puximos prazo de solución por parte da SAREB para que estes activos se puxeran ao servizo do interese xeral do conxunto da cidadanía, non obtendo ningún tipo de resposta por parte do goberno local nen da SAREB. Aclarar que a obtención dunha nova licenza acorde á normativa actual, implicaría un gasto considerable para a SAREB".


Nalgún suposto, apuntan os nacionalistas, "debería incluso derrubar parte da edificación que está sen rematar, para poder cumprir coa normativa existente, dando maior amplitude a patios interiores, maior luminosidade ás vivendas, etc. Por tal motivo, é evidente que se existira un mínimo de responsabilidade sobre dito patrimonio público, a SAREB tería que ter moito interese en que o Concello non declare a caducidade desas licenzas".


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Para o BNG era moi importante que a SAREB rematase as súas grandes promocións,

simultaneamente, a prezos asequibles e na maior brevidade posible. "Polo menos, estaría

poñendo no mercado un importante número de vivendas que podería axudar a moitas familias a ter acceso a unha vivenda e ao mesmo tempo contribuír a rebaixar os excesivos prezos de mercado existentes en Lalín por mor da escaseza de vivenda dispoñible. Mais a realidade é a contraria, a SAREB está utilizando eses activos para especular, sendo parte activa en manter os prezos de mercado nos actuais niveis non asumibles pola maior parte das familias lalinenses".


Desde o BNG consideran que "é indecente que a SAREB se adique a ir poñendo no

mercado, pouco a pouco e de xeito escalonado, as súas promocións co obxecto de que non baixen os prezos de venda das vivendas e así especular con elas sacando a maior plusvalía posible, feito este que incumpre totalmente o fin da mesma. Clara mostra deste xeito de actuar é que recentemente sacáronse á venda as vivendas doutro inmoble que tiñan inacabado e remataron recentemente na rúa Otero Pedrayo, mentres ten abandonadas as outras promocións ou incluso nun estado lamentable como é a edificación da rúa Álvaro Cunqueiro".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Por todo isto, desde o BNG de Lalín instan ao Goberno Municipal a que ofrecese un ultimatun á SAREB para que retomara inmediatamente de xeito simultáneo a construción de todas estas edificacións e, de non ser así, que o Concello declarase a caducidade das licenzas correspondentes. "Ao mesmo tempo, anunciaramos que se o Concello non actuaba como solicitabamos nos prazos de tempo sinalados, seríamos os nacionalistas os que solicitaríamos a declaración de caducidade desas licenzas para pór fin ao que cualificamos de intolerable política especulativa da SAREB na que o goberno municipal de Lalín sería cómplice e partícipe evidente da mesma. Transcorrido un tempo sobradamente razoable, sen que a SAREB mudase a súa conduta especulativa e sen que o goberno municipal realizase ningunha actuación".


Ante todo isto, o BNG solicita que o Concello de Lalín declare expresamente a caducidade das licenzas das dúas construcións inacabadas da SAREB situadas na rúa Nuno Eanes de Cercio esquina coa rúa Maruja Gutiérrez e na rúa Álvaro Cunqueiro.


コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page