top of page

O BNG de Lalín pide explicacións da “arbitrariedade” na selección de peóns forestais e de obras

Paco Vilariño denuncia “falta de transparencia” e avisa que chegará ata o fondo do asunto


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín esixe explicacións ao goberno do PP, e especialmente á concelleira da área, Beatriz Canda, polo proceso selectivo levado a cabo a finais do pasado mes de marzo para a contratación de traballadores municipais ao abeiro do Plan +Provincia financiado pola Deputación de Pontevedra. O voceiro municipal, Paco Vilariño, denuncia “falta de transparencia, arbitrariedade e irregularidades” nas probas prácticas desenvolvidas os días 25 e 26 de marzo para a selección de 4 peóns forestais e 8 peóns de obras públicas.


Segundo constataron os nacionalistas debido ás queixas que lle transmitiron numerosos participantes ás mesmas, e mesmo reclamacións de afectados presentadas por rexistro no Concello de Lalín, as probas foron realizadas “sen a mínima transparencia esixible e non quedaron gravadas en vídeo”, polo que “non quedou constancia de cada exercicio nin das habilidades realmente demostradas por cada un dos aspirantes”. As propias bases advertían que “se informa ás persoas participantes neste proceso selectivo de que cabe a posibilidade de gravar cada proba práctica”.

O voceiro nacionalista, Paco Vilariño, lembra que cando era concelleiro responsable da brigada de obras, “neste tipo de exercicios prácticos tomou a decisión de que quedadan gravados, para dotar ao proceso selectivo das máximas garantías e, en máis dunha ocasión, foi preciso recuperar as gravacións correspondentes para resolver algunha reclamación á puntuación outorgada”.


Critica tamén o BNG de Lalín que conforme ás bases, a proba tiña que ser cualificada cunha puntuación de 0 a 30 puntos, cunha nota de corte en 15 puntos. Por debaixo desta puntuación os aspirantes serían “non aptos” e quedarían excluídos do resto do proceso selectivo. Denuncia Vilariño que nas actas da realización das probas prácticas, aparece a cualificación outorgada a cada aspirante “sen detallar a máis mínima motivación de por que se concede tal puntuación”.


Lembra o BNG lalinense que foi o propio tribunal na súa sesión constitutiva o que acordou establecer os criterios para a valoración das probas prácticas, cun baremo no que se establecían como criterios a “destreza” (relativo ás competencias coas que conta a persoa para desenvolver a proba que se plantexa cun máximo de 15 puntos), a “axilidade” (relativo ao tempo no que desenvolve a proba, cun máximo de 5 puntos).


E por último o “resultado” (grao de consecución da proba, cun máximo de 10 puntos). Vilariño asegura que é “absolutamente irregular” que na acta na que se recollen as puntuacións dos aspirantes non figuren os puntos acadados por cada un deles nestes tres criterios establecidos polo propio tribunal. Asegura o voceiro nacionalista que a falta de motivación das puntuacións na acta da proba “provoca indefensión e incertidume” entre os participantes neste proceso selectivo.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Indicios de arbitrariedade

Ademais, denuncia o BNG de Lalín que na categoría de peóns forestais na que se convocaban 4 postos de traballo, segundo a acta do tribunal só un aspirante superou a puntuación mínima de quince puntos (obtivo 17 puntos). Outros dous acadaron 12 puntos e os 21 restantes quedaron a moita distancia con cualificacións de 7, 5 e 1 punto. As bases aprobadas polo propio tribunal establecían que en caso de non existir candidatos suficientes para proseguir co proceso selectivo, o tribunal podía “establecer unha nova nota de corte co obxecto de garantir a cobertura dos postos de traballo a seleccionar, ou ben solicitar unha nova sondaxe ante a Oficina de Emprego de Lalín, co obxecto de que remita novos candidatos/as ao posto”.


Denuncia o BNG local que “o tribunal exerceu esa facultade discrecional que lle outorgaban as bases sen detallar motivación algunha. E calquera facultade discrecional que se exerce sen motivación convértese en arbitrariedade administrativa”. Critica Vilariño que o tribunal podería ter rebaixado a nota de corte sen maior prexuízo para os aspirantes que obtiveron puntuacións mínimas. “Pero, en vez diso, optou por solicitar unha nova sondaxe”, no que semella unha decisión premeditada para poder examinar a xente nova que lle faltaba no primeiro listado enviado desde a Oficina de Emprego. Vilariño considera “inadmisible” que o goberno do PP de Lalín “estea a xogar coas aspiracións laborais de veciñas e veciños”, e por iso pedirá ao executivo local “todas as explicacións arredor do acontecido neste proceso selectivo, non só porque están obrigados a cumprir coa legalidade, senón tamén porque os propios aspirantes neste proceso selectivo demandan e teñen dereito a toda a información”.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page