Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín amosa a súa preocupación fronte o denominado Proxecto Gama
promovido polo grupo empresarial Greenfiber (ALTRI) na veciña comarca da Ulloa,
concretamente entre Palas de Rei e Agolada, consistente na previsión da construción
dunha macroplanta de celulosa. Nestes momentos o proxecto ten a exposición pública a solicitude de Autorización Ambiental Integrada (AAI), o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) e a declaración de utilidade pública. Trátase, en concreto, dunha factoría que prevé producir 400.000 toneladas de celulosa soluble e 200.000 de 'lyocell',un tecido fabricado a partir de pasta de madeira.
"Desde o BNG queremos expresar a nosa máis profunda preocupación e firme oposición
a esta planta de celulosa na Ulloa, e que ademais dos múltiples prexuízos ambientais
feitos públicos nas últimas semanas por diferentes expertos e asociacións, e na que
tamén queremos destacar os impactos adversos que esta iniciativa tería para a industria
láctea e na economía rural de Lalín e comarca do Deza".

En primeiro lugar, sinala que "é importante sinalar os efectos prexudiciais que a instalación dunha planta de celulosa tería no noso medio. A produción de celulosa implica procesos industriais que consomen grandes cantidades de auga e enerxía, e xeran emisións
contaminantes. Concretamente a previsión é detraer un caudal de auga do río Ulla de máis de 46.000 metros cúbicos diarios, poñendo en risco a saúde da nosa poboación e a
biodiversidade dos nosos ecosistemas. Ademais, a posible disposición inadecuada dos
residuos industriais podería contaminar o solo e as fontes de auga, comprometendo así a
sostibilidade ambiental a longo prazo da rexión".
En segundo lugar, apunta, "a instalación dunha planta de celulosa na Ulloa tería repercusións negativas significativas, non avaliadas, para a potente produción láctea do noso concello, unha das principais do Estado. A contaminación por emisión de fumes
contaminantes podería afectar á calidade dos pastos e forraxes que serven de sustento ao gando, o que á súa vez afectaría a saúde dos nosos animais e a calidade do leite
producido na comarca do Deza. Nos procesos químicos que acompañan ao funcionamento deste tipo de industria destacan a emisión de gases altamente perigosos,
do tipo dióxido de cloro (empregado para branqueo), gases producidos por combustión
como os sulfhídricos, óxidos de nitróxeno, ou anhídrido sulfuroso. Todos con unha alta
capacidade de transportarse polo aire e depositarse en contornas próximas, cunha alta
persistencia e entrada nas cadeas tróficas a través dos forraxes que alimentan ao vacún".
Publicidade
Por último, pero non menos importante, recalca que a "a instalación dunha planta de celulosa na Ulloa tería un impacto negativo na economía de Lalín, en particular sobre a reorganización dos cultivos forestais e dispoñibilidade de terras agrarias. A instalación dunha planta de celulosa crea unha demanda continua e significativa de eucalipto como materia prima chave, o que impulsa a expansión das plantacións de eucalipto e o investimento na cadea de subministración forestal. A “economía do eucalipto”, ademais de propiciar unha perda de recursos naturais pode a medio prazo ter unhas consecuencias moi prexudiciais para os agricultores e gandeiros locais".
Publicidade
Polo exposto anteriormente, desde o Bloque Nacionalista galego de Lalín solicitan a
convocatoria dunha Xunta de Voceiros para poder consensuar e emitir en sesión
plenaria un posicionamento claro e rotundo que rexeite categoricamente a instalación
dunha planta de celulosa soluble e fibras téxtis de Greenfiber (ALTRI) na Comarca da
Ulloa . Ao mesmo tempo facer un chamamento á Xunta de Galiza para que se
consideren os graves impactos ambientais, sociais e económicos desta industria.
"Para nós é esencial que se protexa o medioambiente, se preserve a industria láctea da nosa comarca, e se promova un desenvolvemento económico sostible no noso rural. Xuntos, debemos traballar para garantir un futuro próspero e saudable para as xeracións futuras de Lalín e do resto do país".
Comments