“Propomos medidas concretas e factibles para evitar que vivir en Lalín sexa un luxo inalcanzable para moitas veciñas e veciños”, subliña Francisco Vilariño
Ecos da Comarca/Lalín
O Bloque Nacionalista Galego de Lalín demanda un Plan Municipal Facilitador do Alugueiro diante das dificultades que padecen moitas persoas do Concello á hora de acceder a unha vivenda. Avogan pola creación dunha liña de axudas para anticipar os pagos das fianzas e permitir a súa devolución en 24 meses sen xuros, especialmente para a mocidade e persoas con baixos recursos.

“Alugar unha vivenda en Lalín é hoxe case unha misión imposible”, denuncia o concelleiro do BNG en Lalín, Francisco Vilariño, que volveu reclamar políticas públicas que “de maneira enérxica” aposten por facilitar o acceso social a unha vivenda ante os numerosos obstáculos que se atopa a veciñanza da Lalín. Neste sentido, desde o Bloque propoñen que este Plan Municipal inclúa medidas concretas para enfrontar o cada vez maior número de requisitos e esixencias para optar a unha vivenda en alugueiro.
Vilariño subliña que "a estas dificultades no acceso hai que sumar o continuado encarecemento da vivenda en Lalín, con incrementos moi importante nos prezos dos
alugueiros nos últimos cinco anos que teñen convertido a nosa vila nunha das máis caras da súa categoría de Galiza para vivir". Ademais, lembrou que hoxe hai moi poucas vivendas dispoñibles para alugueiro.
Así, o concelleiro do BNG afea o feito de que “vivir en Lalín sexa hoxe un luxo
inalcanzable para moitas veciñas e veciños”. Diante desta situación, lamenta "a falla de medidas do goberno de Crespo", polo que insiste na necesidade de actuacións a nivel
municipal para reverter a situación. Tampouco deixou pasar a oportunidade de lembrar
que "o Concello de Lalín, grazas á xestión do anterior goberno, ten músculo económico
de sobra para poñer en marcha esta medida que incluso sería clave para poder manter
a categoría dos 20.000 habitantes".
Comments