O BNG de Lalín pide a creación dun Consello Local de Maiores que aproveite a experiencia do 26% da poboación
- ecosdacomarca
- 27 mar
- 3 Min. de lectura
Mari Fernández demanda a posta en marcha en Lalín de servizos municipais que promovan o envellecemento activo
Ecos da Comarca/Lalín
Un 26,38% da poboación te Lalín ten máis de 65 anos, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), este colectivo suma máis de 5.300 persoas que para o BNG de Lalín supoñen “un inmenso capital humano de experiencia e sabedoría que o Concello de Lalín non pode desaproveitar”. O BNG ten presentado numerosas propostas sobre a necesidade de implementar en Lalín políticas de envellecemento activo e servizos municipais para os maiores “todas elas rexeitadas polo goberno municipal do PP que non considera ao 26% da poboación á hora de deseñar as súas políticas”, denuncia a Responsable Local.
Porén o BNG pide a creación dun Consello Local de Maiores, que aporten ao deseño das políticas municipais a visión das necesidades e a experiencia dunha parte moi importante da veciñanza de Lalín “importante en número porque son o 26% das veciñas e veciños, e tamén importante nos niveis de calidade de vida e benestar que no BNG queremos para este concello”.
Mari Fernández explica que “a diferencia da maioría das políticas do despilfarro que practica o goberno do PP en Lalín”, a posta en marcha deste Consello Local de Maiores suporía “unha medida efectiva, integradora, de benestar social e calidade de vida, e que fomentaría ademais a participación veciñal e a transparencia. Todas elas moi pouco frecuentes e moi necesarias no noso concello”.

O BNG de Lalín xa levou no seu programa electoral ás municipais de maio de 2023 un Plan Integral de Atención ás Persoas Maiores “un colectivo abandonado tradicionalmente polos sucesivos gobernos do PP que só se lembra deles para irlles pedir o voto”. Segundo Mari Fernández, un concello coma Lalín cun índice de avellentamento da poboación do 170% -segundo os últimos datos do IGE- “non se pode permitir desaproveitar o capital humano e de experiencia dos seus maiores”. O BNG de Lalín ten constatado ademais a pé de rúa o interese das veciñas e veciños maiores do municipio de “participar, aportar e poder opinar” no deseño do presente e o futuro do Concello de Lalín.
“É urxente que nun concello onde os servizos públicos e as políticas de envellecemento activo se limitan á ximnasia para as persoas maiores, un cambio de rumbo que promova a escoita dos nosos maiores”, asegura Mari Ferández. O BNG de Lalín aposta por “rematar coa política municipal de costas aos nosos maiores”, e demanda un mapa de envellecemento do Concello “tendo tamén en conta o noso rural”, que permita levar a este Consello Local dos Maiores representantes de tódolos sectores e espazos do noso concello. O mapa deberá identificar tamén as principais demandas e necesidades das persoas maiores de Lalín, e establecer unha canle de participación para o deseño das políticas municipais de cara ao futuro.
Publicidade
Políticas transversais municipais
Desde o BNG de Lalín “temos claro que os nosos maiores tamén fan parte importante do futuro do noso concello”, explica Fernández “é preciso un goberno municipal coa sensibilidade suficiente como para implementar políticas transversais que conten co 26% dos nosos veciños e veciñas”. Mari Fernández lembra que a falta de servizos e coidados para as persoas maiores en Lalín “está a provocar na veciñanza moitos problemas colaterais que afectan á calidade de vida e ao benestar da xente”. A conciliación e o papel que teñen que ter os servizos públicos neste senso “brillan pola súa ausencia cun goberno do PP insensible cunha parte tan importante da sociedade”.
Para o BNG a loita pola calidade de vida e as políticas para a xente en Lalín “é irrenunciable” asegura que seguirá levando aos plenos municipais iniciativas e “demandas xustas dos nosos maiores” como “algo tan sinxelo de facer con vontade política como aproveitar os servizos sociais do concello en colaboración co tecido asociativo municipal para poñer en marcha un programa de atención para que os centos de persoas maiores que viven soas en Lalín dispoñan dun servizo de axuda e acompañamento que palíe o problema da soidade”.
Comments