top of page

O BNG de Lalín pide á Xunta que asuma a integración do Scientia Lalín na súa Rede de Centros Públicos

Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín levará ao vindeiro pleno municipal unha moción a través da cal solicita á Xunta de Galicia que asuma a integración do centro de ensino Scientia Lalín na súa Rede de Centros Públicos da Consellaría de Educación.


O pasado día 13 do presente mes, o BNG de Lalín presentou por rexistro municipal unha solicitude pedindo a convocatoria urxente dunha Xunta de Voceiros para "abordar a grave situación na que se atopa o colexio Scientia Lalín e as posibles solucións a adoptar para rematar con esta situación de incertidume constante que ao noso entender é insoportable, tanto a nivel dos pais e nais como do persoal do propio centro educativo, sen que a día de hoxe tiveramos a máis mínima resposta a dito requerimento". Lembrar que no pasado mes de xaneiro saía á luz pública un novo Concurso de Acreedores no centro Scientia Lalín SL do grupo Scientia School, e como resultado do mesmo, o día 10 do presente mes, publicouse no BOP o auto de liquidación da sociedade.

Scientia Lalín. Autor: Ecos da Comarca.
Scientia Lalín. Autor: Ecos da Comarca.

"A situación que o PP permitíu ao longo de moito tempo é tan lamentable que a realidade é que os bens e inmobles que se atopan na parcela onde se ubica o centro educativo está rexistrado a nome de SCIENTIA SHOOL S.A. e non a nome SCIENTIA LALIN S.L. empresa en concurso; polo que a posibilidade de que apareza un comprador da “unidade produtiva” redúcese considerablemente, dando como resultado un máis que probable peche do mesmo", apunta o BNG. E sinala que o "máis sorprendente é atoparnos o pasado domingo nos medios de comunicación coa afirmación por parte da Consellería de Educación manifestando “que mantivo varias reunións coa administración concursal que se encarga do concurso voluntario de acreedores e que lle transmitiu que a continuidade do centro educativo estaba garantida”. "Desde o BNG preguntámonos como é posible tal afirmación neste punto do proceso concursal, agás que o PP sexa coñecor dun comprador ou dun posible amaño do proceso, puntos estes dos que non informou á opinión pública en ningún momento e que evidenciaría, xa non a evidente falta de transparencia, senón a constatación indiscutible de quen fai e permite sacar plusvalías coa educación dos nosos fillos e fillas".


Desde o BNG queren amosar a súa preocupación por tres áreas que para o Bloque son principais:

"1.- En primeiro lugar, e como no pode ser doutro xeito, manifestamos a nosa preocupación pola situación de indefensión na que van quedar as familias e en especial as crianzas. En pleno remate de curso, as familias non teñen a día de hoxe garantía algunha de que vaia haber praza para as súas fillas e fillos neste centro educativo.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

2.- En segundo lugar, tememos pola mantemento dos postos de traballo. Compre lembrar como se chegou a esta situación, e nisto, reparar que foi no ano 2022 cando Francisco Guerrero chegou a negociar a adquisición do colexio nunha poxa na que subindo a aposta da outra empresa que estaba disposta a adquirir o centro de traballo, gañou a mesma precisamente por “facer unha oferta mellor á administración concursal” consistinte en, entre outras condicións “Manter o 100% dos postos de traballo”. Para o BNG isto é fundamental, pois de terse planificada esta operación dende aquel momento, entendemos que se trata dun fraude ao xulgado mercantil pontevedrés que tivo que revolver o concurso do ano 2022.

3.- En terceiro lugar, polo desleixo e despreocupación das administracións para loitar contra o fraude e a especulación, póndose “de perfil” na defensa do ensino e da clase traballadora, pero dando o do de peito para buscar “empresas salvadoras” que co tempo se demostran verdadeiras entidades fraudulentas e en nada preocupadas polo ensino se non exclusivamente polo seu capital".


"Desde o BNG non podemos permitir que veñan especuladores a Lalín, mais para iso, a administración local e a Consellaría de Educación nomeadamente teñen que poñerse a traballar xa e buscar unha solución e que, ten que pasar necesariamente pola integración do centro de ensino na Rede Pública de Ensino Galego, como xa temos denunciado e proposto en varias ocasións. O PP non pode vir agora queixándose, e moito menos sorprendéndose desta situación porque, por unha banda, isto xa era esperable visto o interese de Francisco Guerrero pola cuestión educativa no centro, e sobre todo porque o BNG xa llo anticipou no ano 2021 cando, no último concurso o instábamos a que fixera públicos os servizos que no seu día se privatizaron, mais por desgraza eses intereses non lle son propios ao partido popular".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

E insiste que para o BNG "é intolerable esta situación e queremos poñer o acento na importancia que este centro educativo ten en Lalín debido a que non contemplamos en ningún momento o seu peche polo impacto inasumible que tería na rede educativa de Lalín

ao non existir alternativa para acoller a todo o alumnado, lembrando que os outros dous centros públicos ubicados na vila están masificados. O tempo desgraciadamente veu a darnos a razón, amosando claramente que o problema de fondo é a especulación existente no ensino e mostrámonos radicalmente contrarios a que se pode facer negocio co mesmo como é o modelo do PP, insistindo unha vez máis que a solución para rematar con este culebrón é que a Xunta asuma dito centro para que pase a formar parte da rede galega de centros públicos".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page