top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O BNG de Lalín levará ao pleno unha moción para pedir o rexeitamento ao proxecto de Altri en Palas

Demanda unha alternativa para a dinamización socioeconómica da Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulla, e do Deza, co obxectivo de fomentar actividades sustentábeis que xeren emprego e que fixen e atraian poboación


Ecos da Comarca/Deza/A Ulloa

O BNG de Lalín levará ao vindeiro pleno municipal unha moción a través da cal demanda o rexeitamento do Pleno ao proxecto de construción dunha macrofacgtoría de pasta de celulosa de Altri (Greenfiber) en Palas de Rei.

O BNG recalca que as comarcas do interior da Galiza, nas que se atopan a Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulla, e o Deza, pasan por ser unha dos territorios galegos con maior vocación e tradición agrogandeira, sendo unhas das áreas de maior importancia leiteira do Estado, tanto en calidade coma en produción. "A boa imaxe de marca e de calidade coa que conta este territorio pode verse afectada coa construción do macrocomplexo industrial de celulosa do denominado proxecto Gama (ALTRI), que aspira a optar a millonarias axudas públicas do programa de financiamento europeo Next Generation, dada a tecnoloxía industrial altamente contaminante que precisa.


O Bloque sinala que "a Xunta do PP e o proxecto de ALTRI, participada pola empresa portuguesa Altri e a empresa galego-luxemburguesa Greenalia, promoven a construción dunha macrofactoría de produción de pasta de celulosa e biocel no concello de Palas de Rei. Este proxecto tramitouse con enganos, xa que durante máis de dous anos publicitouse unha factoría circular de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación".


Publicidade

Estamos, recalca, "diante dunha actividade industrial nin sostible nin circular, que terá un fortísimo impacto no territorio, no ambiental, no patrimonio cultural, nas actividades socioeconómicas, no río Ulla, na ría de Arousa e no modelo forestal". Asío o BNG afirma que:

"-Terá un impacto territorial e paisaxístico enorme polas dimensións xigantescas da factoría, que ten unha poligonal de 366 hectáreas e unha cheminea de 75 m de altura, e que afectará directa e negativamente a numerosos concellos da contorna, ao Camiño de Santiago e outros bens culturais da contorna.


-Terá un impacto ambiental crítico nunha zona que foi proposta para a ampliación da Rede Natura 2000 e que alberga hábitats e especies de grande valor ambiental e que están en risco de extinción. 


-As emisións de gases contaminantes tamén terá unha incidencia prexudicial na saúde, no uso residencial e na calidade e aproveitamento dos solos nunha ampla zona circundante. No estudo presentado, faise referencia a que os gases afectarán a unha franxa de 10 km, pero que en días con predominancia de ventos do norte ese radio aumenta cara ao sur afectando aos concello da comarca do Deza.


-Prevé un consumo de grandes cantidades de auga procedentes do río Ulla e o vertido dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial máis contaminantes, que incidirán negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa. Obrigando a máis de 100.000 persoas que se abastecen das augas do Ulla a beber auga que previamente pasaron un proceso contaminante. 


-Vai ter un impacto negativo nas actividades económicas e no emprego na contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial. E tamén terá unha incidencia negativa na actividade produtiva e polo tanto a economía da ría de Arousa.


Publicidade

-Condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega".


Ademais, subliña que a afección deste proxecto vai máis alá dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa. "É un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza. Estamos diante dun exemplo de libro de industria de enclave e de espolio colonial dos recursos naturais do noso país, na repetición do modelo de implantación da celulosa de ENCE na ría de Pontevedra: dispoñibilidade de solo barato, dispoñibilidade de eucalipto a grande escala e a prezos baixos, primeira transformación con escaso valor engadido, e destino principal á exportación sen peche de ciclos".


En realidade, explica, "a orixe e implantación deste proxecto ten que ver coa moratoria ao eucalipto en Portugal e ao interese da empresa promotora por dispoñer de grandes cantidades de madeira de eucalipto e entrar no lucrativo mercado da produción e comercialización de pasta de celulosa destinada á produción de fibras téxtiles. Tanto a Xunta como a empresa actuaron de maneira escurantista e con enganos, publicitando unha planta circular e de produción de fibras téxtiles cando en realidade estamos diante dun macrocomplexo industrial equivalente a unha planta clásica de produción de celulosa".


Polo exposto, o Bloque Nacionalista Galego de Lalín propón ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte 


ACORDO:

1. Manifestar a fonda preocupación polo impacto e dano que este proxecto pode ocasionar a unha comarca caracterizada por ser unhas das máis importantes do Estado na produción leiteira e cárnica de vacún, "dado que existe un risco certo de emisións contaminantes deste proceso industrial sobre a súa estrutura agrogandeira, na que se contan máis de 100.000 vacas en trinta quilómetros ao redor". 

2. Manifestar o "rexeitamento ao macrocomplexo industrial contaminante de Altri porque supón a consolidación dun modelo de dependencia e espolio, o incremento do proceso eucaliptizador, e porque terá múltiples afeccións negativas ao conxunto do país, ás comarcas veciñas da megafactoría, ao río Ulla e á ría de Arousa".

3. Dirixirse á Xunta de Galiza para que informe negativamente o proxecto e impulse en colaboración coas diferentes administracións e o tecido socioeconómico as seguintes iniciativas:


Publicidade

a) Aprobación dunha alternativa para a dinamización socioeconómica da Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulla, e do Deza, co obxectivo de fomentar actividades sustentábeis que xeren emprego e que fixen e atraian poboación.

b) Desenvolvemento dun plan para a mellora integral da calidade da auga e da biodiversidade da bacía do río Ulla e para a rexeneración e a reactivación produtiva da ría de Arousa.

c) O impulso da multifuncionalidade do monte, do desenvolvemento autocentrado, sustentable e equilibrado das cadeas de valor da industria forestal e a xeración de emprego de calidade neste sector estratéxico da economía galega.

4. Instar ao goberno municipal a amosar o seu rexeitamento a este proxecto en cada unha das fases de tramitación nas que se expoña a consulta o proxecto. 

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page