Sinalando claramente a preferencia ciclista coa obrigatoriedade de circular polo centro do carril
O BNG de Lalín levará ao vindeiro pleno ordinario una moción para crear un ciclo de rúas sinalando claramente a preferencia ciclista coa obrigatoriedade de circular polo centro do carril. "Esta medida de circular polo centro do carril está comprobado que aumenta drasticamente a seguridade dos ciclistas convertíndoo nun vehículo máis con plenos
dereitos e preferencias, fainos máis visíbeis, fai que os vehículos que os adiantan respecten mellor as distancias, evita accidentes contra vehículos aparcados que abren a porta ou saen do estacionamento, etc", explica.
Ademais, solicita dotar de aparcabicicletas os lugares públicos e de gran afluencia do concello, visíbeis, iluminados e que permitan atar a bicicleta ao cadro da mesma; permitir amarrar libremente as bicicletas en farolas e árbores sempre e cando non se
dificulte a mobilidade peonil e crear unha Comisión de seguemento e estudo co fin de seguir ampliando os viais de preferencia ciclista e a creación de carrís - bici ao longo de todo o concello. "Permitirase a participación aos membros das asociacións interesadas (veciñais, deportivas...) do municipio así como a cada grupo politico municipal", apunta o partido nacionalista.
O BNG cre que a nova situación provocada pola Covid19 está a ocasionar cambios na sociedade e nas formas de vivir. "Vemos como se está a crear unha nova realidade na mobilidade urbana, máis sostible, ecolóxica e saudable. Até agora só viamos vehículos a motor e algunha bicicleta polas nosas estradas, mais agora tamén entran en xogo outros vehículos como as bicis eléctricas".
Comments