Ecos da Comarca/Lalín
COMUNICADO DO BNG DE LALÍN CO GALLO DOS 85 ANOS DA MASACRE DE TENORIO
DE VICIÑOS REPUBLICANOS
"Hoxe, 9 de novembro, fará 85 anos que aprecían seis veciños de Lalín asasinados con outros cinco do Concello de Arbo na chamada "Volta do Couto" na parroquia de Tenorio, Concello de Cotobade. Os que eran do Concello de Lalín son os seguintes: Luis Frade Pazos, José López Bermúdez, Ramiro Granja González, Luis Varela Sobrado, José Ma Montouto Rodríguez e Eliseo Garra Lalín.
Estes once homes foran sacados da Colonia Penitenciaria ou Campo de Concentración da Illa de San Simón onde estaban presos, na noite do 8 de novembro de 1936 baixo o pretexto de ser trasladados ao cárcere de Ponte Caldelas (onde tamén estivo preso o nacionalista Alexandre Bóveda, no mes de agosto de 1936 antes de ser fusilado). Unha vez no camión para realizar o seu traslado, a expedición parte de Redondela cara Pontevedra, logo colle a estrada de Ourense e, ao chegar á Volta do Couto, en Tenorio, deteñen o camión, ordénanlles baixar e alí mesmo abren fogo contra eles.
A "xustificación das súas mortes sen ter sido xulgados e condeados" foi por ser considerados como os principais dirixentes dos sindicatos locais, de liderar a defensa da República facendo fronte aos partidarios do golpe de Estado de unha parte do exército que se levantou en armas no 18 de xullo de 1936 e que proclamaron a folga xeral para impedir o seu triunfo na localidade. Foi por esta causa última polo que foron executados extrajudicialmente, así na tarde do luns, 20 de xullo de 1936, constituido o Comité de Defensa da República (CDR de Lalín) e secundada polas organizacións sindicais o chamamento á folga xeral, decídese ir en axuda á capital da provincia; mais cando chega a expedición de varios centos de veciños, fundamentalmente traballadores mobilizados polos líderes sindicatos da comarca do Deza e na que ía ao fronte Manuel Ferreiro, entre outros dirixentes políticos, xa nada poden facer xa que os militares golpistas xa tiñan o control de Pontevedra tras proclamar o Estado de Guerra como se recolle nas intruccións literais dadas polo sublevados sediciosos.
Serán pasados por las armas. Estes foron os lalinenses paseados na data fatal da noite do 8 para o 9 de Novembro de 1936: Luis Frade Pazos naceu en Bendoiro en 1894. Logo do seu matrimonio con Rogelia Sanmartín trasládase a Donsión. Foi un dos fundadores da Sociedade Obreira de Ponte-Nova, da que é elixido vicepresidente en xaneiro de 1931. Presentase ás eleccións municipais na candidatura encabezada por Manuel Ferreiro, sendo elixido concelleiro e nomeado 2o procurador-síndico. É un dos edís máis activos da corporación republicana, presentando diversas mocións tendentes a solucionar os problemas do agro (cuestión foral, creación de granxas agrícolas experimentais, prohibición da importación de carne do estranxeiro, contra o Tratado co Uruguai) e contra o caciquismo (denuncias aos médicos que non atenden a pobres). Cesa como concelleiro en agosto de 1934 ao ser destituída a corporación republicana por unha afín ao Partido Radical. Reposto novamente en febreiro de 1936, é o único edil que permanece na Comisión Xestora nomeada polo Gobernador civil o 11 de abril, sendo elixido 2o Tenente-Alcalde.
O día anterior ao golpe de Estado foi elixido Presidente da colocación obreira de Lalín en representación da Sociedade La Fraternidad de Donsión encadrada na UGT. O 19 de xullo vai a Pontevedra con Ferreiro e os outros alcaldes da Comarca para recibir instrucións do Gobernador civil. Ao día seguinte permanece á fronte do Concello mentres a expedición dezá marcha á capital para intentar deter aos militares. Aínda está presente no último pleno municipal que se celebra o día 21.
Non foi detido de inmediato, senón que as novas autoridades o chantaxearon indicándolle que se pagaba unha débeda que tiña co Concello como recadador, non sería molestado. Frade consegue en outubro un préstamo co que abona as 5.100 pesetas que lle reclamaban, pero isto non o salva da detención. A pesar das advertencias dos seus correlixionarios, négase a agocharse ou a fuxir, alegando que non cometeu ningún delito. Detéñeno o día 27 de outubro e intérnano na Prisión de Lalín. O 4 de novembro trasládano
xunto con outros 38 detidos á Illa de San Simón, de onde o sacan cinco días despois para darlle o "paseo".
José López Bermúdez, que nacera en Cádiz en 1907, residía en Bendoiro, onde foi elixido presidente da Sociedad La Democracia desa parroquia. Activo sindicalista, é un dos líderes obreiros que participa na reunión convocada por Ferreiro o 20 de xullo para mobilizar aos traballadores en defensa da República. Intervén tamén na requisa de armas e das polvoreiras das obras do ferrocarril. Foi detido o 20 de outubro, permanecendo na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro, cando o trasladan a San Simón. De alí sae para a
morte.
Ramiro Granja González nace en Filgueira en 1889. Casa con Balbina Barcala de Donsión, coa que ten seis fillos. Foi tamén dos fundadores da Sociedade Obreira de Ponte-Nova en 1931. Acabaría sendo elixido presidente da mesma en 1936. En maio dese ano Luis Frade noméao axente executivo para o cobro de impostos municipais. Foi un dos primeiros mobilizados ante as noticias do golpe de Estado, acudindo a Lalín con varios compañeiros da Sociedade o 19 de xullo. Participou na reunión con Ferreiro do día seguinte. Detéñeno o 1 de setembro e intérnano no Cuartelillo de Falange (instalado no Hospitalillo, que fora incautado). Alí foi torturado e obrigado a asinar unha declaración inculpatoria.
Tamén os obrigan a entregar os libros da Sociedade, que serven aos falanxistas para practicar novas detencións. Acabaría sendo trasladado o 4 de novembro ao lazareto de San Simón, de onde o sacan para asasinalo.
Luis Varela Sobrado, canteiro, naceu en Palmou en 1907. Co inicio das obras do ferrocarril, trasládase a Botos, onde casa con Leonisa González en 1932. Afíliase a Sociedade obreira La Equidad converténdose no seu presidente. A sociedade de Botos foi unha das máis activas no período republicano, mesmo chegou a organizar conferencias como a de José Echeverría sobre o paro obreiro en 1935. Luis Varela xa fora detido en novembro de 1934 xunto con José González, acusado de coacción aos obreiros do ferrocarril
con motivo dos sucesos de outubro. Varela tamén participou na reunión con Ferreiro o 20 de xullo de 1936, e como Ramiro Granja foi detido o 1 de setembro sufrindo o mesmo trato. Trasladado a Prisión de San Simón o 4 de novembro, sácano o día 9 para asasinalo.
José Ma Montouto Rodríguez nace en 1890 en Donsión, casado con Rosa Abeledo, ten oito fillos. Participou na fundación da sociedade de Ponte-Nova, da que foi elixido vicetesoureiro en 1931. Foidetido o 9 de setembro de 1936, permanecendo na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro, cando o trasladan ao lazareto, do que sae o 9 para a súa execución. A súa é a única morte rexistrada, pois a súa muller inscribe a "desaparición" no Rexistro Civil en 1943.
Eliseo Garra Lalín nace en 1893 en Lalín. Casa en Donramiro con Sofía Areán. Membro do Centro Republicano de Lalín, foi nomeado inspector de camiños do concello en 1933. No período do Frente Popular era o encargado da confección do padrón de habitantes. Foi un dos condutores dos automóbiles que trasladaron aos obreiros a Pontevedra o 20 de xullo. Detido o 15 de setembro, agarda na Prisión de Lalín ata o 4 de novembro o traslado á Illa de San Simón. Sácano o día 9, aínda que, segundo algunhas testemuñas, o seu asasinato podería deberse á confusión do seu apelido con outro dos detidos.
Diante de esta exposición e relato de feitos, que son históricamente contrastábeis, o BNG local de Lalín, reitera a proposta a todas as forzas políticas con representación municipal e outras que decidan participar, a realización de un acto institucional coa debida solennidade para con todos os nosos veciños que perderon a súa vida por defender a democracia e a legalidade contra os golpistas da "extrema dereita" no periodo historico da II República Española e das décadas posteriores até a finalización da Ditadura de Franco.
Esta, para nós, ten que ser unha raparación histórica e moral cos nosos viciños que padeceron esa "longa noite de pedra" como ben recitou o poeta de Celanova, Celso Emilio Ferreiro. En conclusión, é o menos que se pode facer para que haxa MEMORIA HISTÓRICA: verdade, memoria, xustiza e reparación para todas as vítimas do franquismo en LALÍN e na que non nos poden acusar de ser reviosnistas ou ter ánimo de revancha algunha. O BNG non sinala a ninguén, en absoluto, como vitimário, verdugo ou colaborador local con aquel terror de corte fascista en aras de chegar a un consenso para acadar a finalidade desta proposta, e lonxe de claquera protagonismo político.
Para rematar, facer nunha derradeira chamada ao alcalde e ao partido que preside a unha reflexión para mudar a decisión tomada nun pleno do concello recente contraria; xa que un acto semellante ao proposto, se fará a nível autonómico e por consenso de todos os grupos politicos do Parlamento Galego. Cómpre desterrar ese dito de que un pobo que descoñece a súa historia está condeado a repetila, porque todos somos vítimas do silencio dos nosos pais e responsábeis da ignorancia dos nosos fillos. Traballar por achegar a historia á mocidade porque a xente nova ten dereito a coñecer o seu pasado para reivindicar o seu futuro. Neste caso, tamén de Lalín, polos que foron antes no pasado demócratas, somos no presente demócratas.
Comments