O BNG de Lalín inicia un proceso de participación aberto para a elaboración do programa electoral
- Laura Moure / IsmaelRS
- 21 feb 2023
- 2 Min. de lectura
Todas aquelas persoas que queiran aportar as súas propostas poderán facelo desde hoxe mesmo a través das redes sociais deste partido local
Laura Moure/Lalín
O BNG de Lalín abriu un proceso de participación para a elaboración do programa
electoral para as próximas eleccións municipais. Manuel Carbón é o coordinador do
programa electoral e explica que “queremos abrir o proceso para coñecer que a
cidadanía pode opinar e mostrar o seu punto de vista sobre a situación e permitir así
que a cidadanía poida opinar e mostrar o seu punto de vista sobra a situación actual.
Somos conscientes de que hai cuestións básicas nas que hai que traballar, sobre todo
en medidas que fomenten o emprego, rural, mocidade, sanidade, modelo urbano, etc,
pero estamos seguros de que todas as aportacións nos serán moi válidas e todas elas
serán tidas en conta”.

E sinala que "atopámonos diante dun goberno municipal totalmente esgotado e que goberna para unha minoría de amigos, deixando esquecidos os intereses da maioría social, situación que nos obriga a poñer o acento en cambiar radicalmente as políticas económicas e sociais. Estamos convencidos que é posible darlle solución aos numerosos problemas que padece a nosa cidadanía poñendo en valor os nosos recursos naturais, territoriais e humanos".
Apunta Manuel Carbón, que "hai tempo que estamos preparando o programa pero queremos que sexa de todos e de todas, canta máis xente participe na elaboración do mesmo moito mellor. Sempre cos criterios que ten que pasar polos códigos éticos do partido ademais de ser propostas viables para a súa execución".
Desde o BNG animan á veciñanza "a imaxinar o concello que queren para elaborar así
un programa de goberno capaz de poñer os cimentos para avanzar na dirección de ter
un Lalín do que todos e todas estén orgullosos". Carbón lembra que "apostamos pola coherencia nas propostas e que sexan reais e realizables". Desde o BNG de Lalín, subliñan, "existe o compromise de que o programa electoral sexa un contrato de obrigatorio cumprimento e que a cidadanía poida esixir que se respecte”.
Todas aquelas persoas que queiran participar na elaboración do programa electoral poderán facelo desde hoxe mesmo a través das redes sociais do BNG local. "Será posible e moi sinxelo de facer a través dun formulario totalmente anónimo onde calquera lalinense pode aportar as súas ideas". Os nacionalistas márcanse como obxectivo "a redacción dun programa aberto á cidadanía seguindo o traballo feito nos últimos anos, escoitando aos veciños e veciñas para devolver a ilusión, liderazgo e confianza que Lalín nunca debeu perder".
Comments