Ecos da Comarca/Lalín
Pasado o ecuador da constitución da presente Corporación Municipal, dende o
Bloque Nacionalista Galego de Lalín sinalan que veñen observando con grande preocupación "a política de deixadez e abandono que por parte do Partido Popular se está a facer no referente ao rural. Esta deixadez plásmase na falta de planificación dunha política global que serva para atender as numerosas demandas e solucionar os graves problemas que padece a nosa poboación residente nas moitas parroquias que conforman o noso concello".
É por isto, e seguindo coa liña de traballo que se teñen marcado de priorizar a defensa do rural, tal e como recalca, que dende esta organización política, van iniciar una xira de reunións na totalidade das parroquias lalinenses, para que deste xeito os veciños poidan informalos de primeira man de cales son aqueles problemas e demandas máis importantes, para así poder trasladalas ao Concello para que alí se debatan. O obxectivo PARA o BNG "é defender un rural vivo no económico e no social, sustentable no ambiental e con servizos públicos de calidade á altura do século XXI e sen discriminar aos lalinenses polo lugar de residencia".
Os nacionalistas apostan por un medio rural como espazo para vivir e traballar en igualdade de condicións que en calquera cidade ou vila e recoller actuacións no ámbito da produción, comercialización e dos servizos públicos. A primeira reunión veciñal terá lugar o vindeiro domingo, día 10 de outubro, ás 12:00 horas na parroquia de Vilanova, no seu local social.
Comments