Paco Vilariño denuncia que hai veciños e veciñas de Lalín que agardan máis de 4 meses por unha cita “e acaban derivándoos a Santiago”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín denuncia a “precariedade” do servizo de saúde mental do Centro Integral de Saúde (CIS). Para a atención a unha área de arredor de 40.000 persoas, o voceiro nacionalista Paco Vilariño denuncia que o CIS só conta no eido de saúde mental cun psiquiatra e un psicólogo. “Esta é toda a gran dotación de persoal que a Xunta e o señor
Crespo nos anunciaron nos fastos da posta en marcha do CIS”.
Na práctica, denuncia Vilariño, o que está a acontecer a moita veciñanza é que “una persoa que pide vez para que a vexa un psiquiatra en Lalín tarda un mínimo de 4 meses en que o Sergas lle dea resposta e cando lle da a cita, resulta que desde a pasada semana ten que desprazarse a Santiago en moitos casos”, denuncia o voceiro nacionalista.

Diante desta situación “inxusta e inadmisible da saúde mental pública para a nosa veciñanza", o BNG de Lalín levará a pleno unha moción para demandar da Consellería de Sanidade que dote ao CIS de máis persoal na área de saúde mental, persoal fixo e estable que depende do propio CIS e non do CHUS. “Como mínimo exiximos que o Sergas cree unha praza máis en psiquiatría e en psicoloxía” para que a veciñanza que precisa destes servizos sanitarios públicos “non teña que verse obrigada a ir á privada quen ten recursos económicos debido á longa periocidade das mesmas, ou como acontece agora verse na obrigación de desprazarse a Santiago para unha consulta psiquiátrica, na que lonxe de calquera protocolo de idoneidade vai ser atendido por un profesional distinto co conflicto que isto acarrea para o paciente”.
Diante desta nova “eiva” do CIS de Lalín, Paco Vilariño cuestiona a necesidade de contar cun “suposto” Centro Integral de Saúde “no que cada día nos atopamos con novas denuncias e problemas de atención por parte das veciñas e veciños”. Recalca o voceiro nacionalista que o BNG xa advertiu hai moitos meses á Xunta do PP e ao goberno local que “o que temos é un edificio sen dotar”. Na práctica, segundo denuncia o voceiro do BNG “seguimos tendo unha asistencia sanitaria na que a poboación depende de poder desprazarse a Santiago para ser atendida”.
Cifras vergoñentas
Diante das queixas da veciñanza por esta nova eiva do CIS, Vilariño considera fundamental que “ademais de organizar comidas e convidar a conselleiros e exconselleiros a ágapes varios que pagan os lalinenses, dunha vez por todas o señor Crespo exerza coma alcalde de Lalín” e se responsabilice da sanidade pública que a Xunta de Galiza “do seu partido” está a prestar aos veciños e veciñas. “As cifras son vergoñentas, e deberían sacarlle as cores a calquera responsable público”, critica Vilariño, segundo os últimos datos oficiais das listas de agarda do Sergas -correspondentes ao mes de xuño de 2024- na área sanitaria de Santiago-Barbanza -á que pertence a Comarca do Deza- hai preto de 30.000 persoas agardando por unha consulta. No caso das consultas externas de psiquiatría, na área sanitaria son case 1.400 as persoas en lista de
agarda.
Con estas cifras oficiais, Paco Vilariño critica que “na práctica temos veciñanza de Lalín que pide cita para ser atendido por un psiquiatra e ten que agardar 4 meses para ter cita, e aínda por riba agora ten que desprazarse a Compostela pola tarde”. Vilariño explica que esta situación “lamentable” da saúde mental na área sanitaria “non é só unha denuncia dos pacientes, tamén os psiquiatras denuncian a situación”. Segundo explicou Vilariño, os psiquiatras que atenden en Santiago “fan doblete e prestan servizos na comarca” e denuncian que “hai poucos profesionais e a lista de agarda é de catro meses na derivación desde Atención Primaria”.
O mesmo acontece no seguimento dos pacientes na área de saúde mental do Sergas, os propios psiquiatras denuncian que logo de atender a un paciente nunha primeira cita “para a segunda teñen 12 ou 13 minutos por paciente”, e o sistema non garante nin sequera que sexa o mesmo profesional o que os atende, o que ocasiona nos usuarios “auténticos problemas psicolóxicos engadidos” e provoca na práctica que “a única atención posible en saúde mental sexa pagar na privada”.
Comments