O BNG de Lalín exixe a “restitución” dos coidadores para os nenos con necesidades especiais
- ecosdacomarca

- 26 abr
- 3 min de lectura
Mari Fernández e membros do BNG local mantiveron un encontro con representantes das nais e pais afectados
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín mantivo onte un encontro con representantes de nais e pais afectados pola eliminación por parte da Consellería de Educación de coidadoras e coidadores ou técnicos de integración social para as nenas e nenos con necesidades especiais. Varias familias lalinenses afectadas por estes “recortes” de Educación en centros docentes como o Colexio Vicente Arias de la Maza e o CEIP Varela Buxán de Cercio veñen de anunciar unha campaña de recollida de sinaturas para demandar á Xunta de Galicia que restitúa aos coidadores deste alumnado que, segundo denuncian, foron retirados fai dous meses.

A responsable local do BNG de Lalín, Mari Fernández Sanmartín, comprometeuse a levar o tema ao pleno municipal e “exixir” unha solución a esta problemática que “ten angustiadas desde fai dous meses a varias familias de Lalín”.
Critican desde o BNG de Lalín que “o que está acontecendo nos centros escolares do noso concello reprodúcese en todo o país e é froito dos recortes sistemáticos que a Xunta e o PP veñen aplicando nos últimos anos en servizos públicos básicos como a educación e a sanidade”. Mari Fernández lembrou ás familias das nenas e nenos con necesidades especiais escolarizados en Lalín e que están sen coidadores que “a Xunta está incumprindo a lei e conculcando os dereitos dos seus fillos e fillas”. Diante desta “grave situación” o BNG de Lalín trasladoulle ás nais e pais afectados que “teñen o apoio absoluto do BNG na loita por unha educación pública de calidade e inclusiva”.
PUBLICIDADE
Os representantes das nais e pais afectados trasladaron aos responsables locais nacionalistas a súa “preocupación” pola “falta dunha resposta clara” por parte da
Consellería de Educación nestes dous meses en que as nenas e nenos con necesidades
especiais carecen das preceptivas coidadoras e coidadores nos seus centros escolares.
Fernández Sanmartín comparte e apoia esta preocupación das familias, e trasladoulles
que o BNG levará ao concello e ao Parlamento de Galicia as súas demandas na procura
dunha educación pública de calidade e plenamente inclusiva para os seus fillos e fillas. Ademais e diante da problemática analizada neste encontro cos representantes das familias afectadas, o BNG de Lalín vai demandar un estudo pormenorizado por cada centro escolar no municipio para coñecer polo miúdo si a atención inclusiva á que estas
nenas e nenos teñen dereito se está a cumprir en todos os centros educativos. “Desde o
BNG de Lalín levamos anos denunciando os problemas que os recortes en servizos
sociais básicos do PP provocan cada día na nosa veciñanza”, explicou Fernández
Sanmartín, que advertiu que “tamén neste caso, non imos parar até que haxa unha
solución ao problema destas familias e imos asegurarnos de que no resto dos centros
docentes de Lalín as nenas e nenos con necesidades especiais están atendidos conforme
aos seus dereitos e desfrutan dunha educación pública de calidade e inclusiva”.
PUBLICIDADE
A responsable local nacionalista agradeceu aos representantes das familias afectadas a
confianza depositada no BNG para trasladar a súa denuncia “a todas as instancias que
sexa necesario”, e comprometeuse a “loitar” para que situacións como esta pola que
están pasando “non volvan acontecer”. Fernández Sanmartín lembrou que “falamos de
nenas e nenos con necesidades especiais, con dereitos que están sendo vulnerados, e non o imos consentir”.








Comentarios