O BNG de Lalín esixe un mellor servizo de saúde mental e de pediatría no Centro Integral de Saúde
- ecosdacomarca

- 29 ago 2025
- 6 Min. de lectura
"Lonxe do que prometeu o PP na inauguración, estas instalacións non están cubrindo nin tan sequera as necesidades mínimas da cidadanía en materia sanitaria", recalca o Bloque
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín levará ao vindeiro pleno municipal unha moción sobre os servizos de saúde mental e de pediatría no Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín. "O pasado mes de xullo, o Bloque Nacionalista Galego de Lalín denunciamos publicamente a alarmante situación que se está a vivir no Centro Integrado de Saúde (CIS) de Lalín, onde o servizo de Psicoloxía leva máis de catro meses sen cobertura algunha, deixando a numerosísimas persoas sen a atención psicolóxica que precisan. Ao mesmo tempo revelábamos que a esta gravísima carencia, que afecta directamente á saúde mental da veciñanza de Lalín e comarca, viña sumarse a unha nova preocupación: o servizo de Psiquiatría quedou sen atención a primeira quincena de agosto por mor da falta de cobertura das vacacións do persoal sanitario que exerce esta función", lembra o BNG de Lalín.
Para prestar atención sanitaria a unha comarca de arredor de 40.000 persoas o CIS só conta teoricamente no eido de saúde mental cun psiquiatra e unha psicóloga. "Esta é toda a máis que insuficiente dotación de persoal fronte ao que a Xunta de Galiza nos vendeu nos fastos da posta en marcha do CIS. Na práctica, o que estaba a acontecer a moita veciñanza é que unha persoa que pedía vez para que a vira un psiquiatra ou unha psicóloga en Lalín tardaba en moitos casos case un ano en que o Sergas lle dera resposta, e cando lle daba a cita esta era para tres ou catro meses despois. Mais o que para o BNG de Lalín, xa era un servizo moi deficitario, o que está acontecendo nos últimos
meses é dunha gravidade extrema debido a que na práctica xa nin se conta co mermado servizo que padecíamos antes ao chegar ao punto de non prestarse o mesmo".

Tamén o Bloque denuncia "que como resultado de falta de servizo, de recursos e resposta que desde o CIS non lle poden dar a moita veciñanza que se ve afectada por este casos, o que se está producindo é que o solución que lle dan é que vaian á privada, incluso aconsellando acudir a varios profesionais privados e que se convirte na antítese do papel que tiña que estar cumprindo o CIS respecto a ofertar unha sanidade pública e de calidade".
Desde o BNG califican "de escándalo insoportable e unha auténtica falta de humanidade o que está a acontecer en Lalín cos pacientes que precisan do servizo de saúde mental. Lembramos que desde o BNG levamos moitos anos recibindo queixas de veciñas e veciños en situacións dramáticas e que carecen dunha axeitada cobertura de persoal neste servizo no Centro Integral de Saúde (CIS) sen que Sergas nen o Concello busquen solución, iso si, votando sistematicamente nas dúas administración en contra das nosas iniciativas para solucionar o problema".
Por todo isto, os nacionalistas demandan da Consellería de Sanidade que dote ao CIS de máis persoal na área de saúde mental, persoal fixo e estable que dependa do propio CIS e non do CHUS. "Como mínimo, exiximos que o Sergas cubra as prazas actuais, que xa son as mínimas posibles, e que se cree unha praza máis en psiquiatría e outra en psicoloxía para que a veciñanza que precisa destes servizos sanitarios públicos non teña que verse obrigada a ir á privada quen ten recursos económicos, ou senón quedar totalmente desamparado debido á longa periodicidade das mesmas, ou como acontece nos últimos meses que xa nin exista".
Por se esta realidade xa non fose inasumible, desde o Bloque Nacionalista Galego de Lalín, "denunciamos públicamente a inicio do presente mes a alarmante situación que se está a vivir tamén no CIS de Lalín, onde no servizo de Pediatría a maioría das pediatras a cita para “consulta de enfermidade” non é posible ao longo de todo o mes de agosto, situación idéntica acontece para “control de idade”, xa que resulta imposible pedir cita por telas completas, e a maiores atopábase coa axenda pechada, o que impedía até hai poucoa días pedir para o seguinte mes ou saber cando tiñas disponobilidade".
O BNG de Lalín lamenta que o CIS de Lalín vén sendo noticia desde a súa inaguración polas evidentes carencias que presenta, entre moitas outras, e saturación existente no servizo de Pediatría. "É insoportable a realidade que padecen os pais e nais de Lalín, pois na actualidade conta con tres pediatras en xornada de mañá, das cales unha delas desprázase dous días á semana a Rodeiro un par de horas o que conleva que o sevizo quede aínda máis minguado".
Publicidade
O tempo, apunta, "lamentablemente deunos a razón, xa que lonxe do que prometeu o PP na inaguración do CIS, estas instalacións non están cubrindo nin tan sequera as necesidades mínimas da cidadanía en materia sanitaria, chegando a ser moito máis precario o servizo en distintas especialidadades que no anterior Centro de Saúde. Claros exemplos son a denuncia que fixemos relativa a que o servizo de psicoloxía leva varios meses sen prestrarse, o de psiquiatría pechado durante a primeira quincena de agosto, ou agora batindo con creces o seu deshonroso récor de lista de garda nun servizo tan importante para a veciñanza, o PP condea aos nenos e nenas a non poder enfermar en
todo agosto".
"Destacamos tamén desde o BNG a inasumible tardanza para poder realizar o Control de Idade pola importancia que este ten ao longo dos primeiros 14 anos de vida, xa que son revisións moi importantes para saber por exemplo e están medrando de forma saudable. Nestas revisións, a médica, evalúase o medre, é dicir, peso e altura, o desenrolo motor e ademáis, chequéase o oído, dentes e vista dos nenos e nenas. A maiores da parte física, a pediatra tamén analiza a linguaxe e as habilidades sociais das nenas e nenos. E o máis importante, actualiza o calendario de vacinas en función á idade que teñan".
Desde o BNG critican que isto supón que en casos de enfermidade, "as nosas nenas e nenos están condeados a ter que agardar varias horas a ser atendidos pola falta de pediatras sen cubrir, ou senón, ter que marchar para o CHUS debido á inexistencia de facultativos especializados, realidade esta contraria á máis mínima praxe axeitada ao protocolo dunha atención digna, produto dunha situación de sobrecarga de traballo, derivada da falta de persoal humano e da negativa a cubrir as baixas ou vacacións ás que teñen dereito as profesionais".
Desde o BNG lalinense lembran, que é fundamental contar cun servizo de pediatría pola tarde, sen recortar o de mañá, algo que veñen demandando desde hai anos, "e que como é evidente a Xunta de Galiza nega ao noso concello, unha demanda que se fai moi necesaria para moitísimas nais e pais que ven como polo tarde e noite só lles queda a posibilidade de acudir ao CHUS ou de ir á privada quen teña capacidade económica de facelo. Esiximos unha solución definitiva a este problema xa que o único que se precisa para porlle fin é ter vontade política, algo que se demostrou sobradamente que non existe por parte da Xunta de Galiza nen do goberno municipal, ao que pedimos que deixe de defender os intereses do PP na Xunta, e se poña do lado das nais e pais que sofren a diario esta penosa e gravísima realidade e que non permita que esta situación perdure no tempo nin un segundo máis".
Publicidade
Polo exposto anteriormente, o Bloque Nacionalista Galego de Lalín propón ao Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes acordos:
ACORDOS:
1.- Instar á Xunta de Galiza a dotar ao Centro Integral de Saúde de Lalín de dúas prazas máis, unha de psicoloxía e outra de psiquiatría, asignadas directamente ao propio CIS e non ao CHUS, detalle moi importante que aportaría estabilidade á prestación do servizo neste centro de saúde e á correcta atención da veciñanza.
2.- Solicitarlle á Xunta de Galiza unha praza máis de pedriatría polas mañás, así como que garanta a cobertura provisional inmediata das xa existentes nos supostos de baixas ou vacacións das persoas titulares desas prazas.
3.- Solicitarlle á Xunta de Galiza dotar ao Centro de Saúde de Lalín de atención de Pediatría polas tardes sen recortar o servizo de mañá.
4.- Solicitar unha reunión urxente co Conselleiro de Sanidade para trasladar estas demandas e esixir compromisos concretos con prazos de execución.








Comentarios