Demándalle ao Goberno Local que cumpra a Lei e non sexa cómplice "da gravísima situación de prezos e falta de vivenda neste municipio"
Ecos da Comarca/Lalín
Desde o BNG de Lalín seguen denunciando, e sobre todo, pedindo solucións, á grave situación de vivenda que ten este concello. Lembra o seu voceiro municipal, Paco Vilariño, "que despois que no último pleno municipal o PP votase en contra dunha moción na que solicitabamos a construción de vivenda pública, fundamentalmente para réxime de alugueiro, seguimos esixindo ao PP e ao PSOE do Estado que non sexan os responsables da situación tan grave que padecemos en Lalín polo drama de accesibilidade a vivenda que moita veciñanza ten".
Apuntan os nacionalistas que "resulta especialmente significativo o papel do SAREB xa que é unha sociedade participada maioritariamente polo Estado e que os seus bens foron adquiridos polos contribuíntes mediante a emisión de débeda avalada polo Estado, coa finalidade de “xestionar, con compromiso social, os activos inmobiliarios procedentes do saneamento do sector financieiro”, polo que os terreos dos que dispón, como solicitaron tamén no últimos pleno desde o BNG, deberían ser transferidos ao Concello de Lalín con carácter permanente e a título gratuíto para poñelos a disposición da Xunta de Galiza para facer vivienda pública". Vilariño pide un cambio radical na política de xestión de activos inmobiliarios da SAREB, que poña o foco no aproveitamento público das vivendas e terreos dos que é titular, en lugar de destinar ditos inmobles a ser poxados a fondos de investimento inmobiliario, evidentemente pouco preocupados polo interese público.

Informan os nacionalistas que as licenzas de construción teñen un prazo de caducidade de tres anos para a total terminación das obras. "O Concello poden conceder prórroga dese prazo logo de solicitude expresa do titular da licenza. Cada prórroga non pode ser superior a ese prazo de tres anos, ademais non poden interromperse as obras por un tempo superior a seis meses". Transcorrido o prazo de caducidade (do prazo inicial ou das prórrogas concedidas), explica o BNG, "o Concello está obrigado a declarar de oficio a caducidade da licenza. Esa declaración de caducidade extingue os efectos da licenza. E para que sexa posible rematar a construción, é preciso obter unha nova licenza que deberá ser acorde coa normativa existente no momento de concesión desa nova licenza".
Seguen relatando desde o BNG que tras a crise económica posterior á burbulla inmobiliaria, en Lalín, quedaron sen rematar unha serie de edificacións. Ademais doutras posibles edificacións menores, en Lalín, a SAREB é propietaria de tres grandes promocións inmobiliarias que están nesta situación e, en conxunto, poderían achegar ao mercado inmobiliario máis de 150 vivendas. Esas grandes promocións inacabadas son:
- Rúa Otero Pedrayo esquina coa prolongación da rúa Rosalía de Castro.
- Rúa Nuno Eanes de Cercio esquina coa rúa Maruja Gutiérrez (por baixo do colexio
Manuel Rivero).
- Rúa Álvaro Cunqueiro (edificio en estrutura preto da Rolda Leste fronte ao Centro
Comercial Deza – Carrefour).
"Estas edificacións contaron con licenzas de construción que, hoxe, xa están caducadas por ter transcorridos os prazos de caducidade mais o PP non declarou a caducidade destas licenzas. Nas case dúas décadas transcorridas dende a concesión da licenza caducada ata a actualidade foi promulgada numerosa normativa máis esixente coa calidade ou condicións esixidas nas vivendas. Tal é o caso das Normas do Hábitat ou do vixente Código Técnico. A obtención dunha nova licenza acorde á normativa actual, implicaría un gasto considerable para a SAREB. Nalgún suposto, debería incluso derrubar parte da edificación que está sen rematar, para poder cumprir coa normativa existente, dando maior amplitude a patios interiores, maior luminosidade ás vivendas, etc. Por tal motivo, interesa moito á SAREB que o Concello non declare a caducidade desas licenzas", recalca o Bloque.
Para o BNG é moi importate que a SAREB rematase as tres grandes promocións, simultaneamente, a prezos asequibles e na maior brevidade posible, polo menos, estaría poñendo no mercado un importante número de vivendas que podería a moitas familias ter
acceso a unha vivenda e ao mesmo tempo rebaixar os excesivos prezos de mercado existentes en Lalín por mor da escaseza de vivenda dispoñible.
Publicidade
Mais para os nacionalistas a reaidade é a contraria, "a SAREB está utilizando eses activos para especular, mantendo os prezos de mercado nos actuais niveis non asumibles pola maior parte das familias lalinenses". Aseguran desde o BNG "que a SAREB dedícase a ir poñendo no mercado, pouco a pouco e de xeito escalonado, tales promocións co obxecto de que non baixen os prezos de venda das vivendas e así especular con elas sacando a maior plusvalía posible, feito este que imcumpre totalmente o fin da mesma".
Continúan desde o BNG relatando que así, en breve, "vanse sacar á venda as vivendas do inmoble de Otero Pedrayo, mentres tivo abandonadas as outras promocións. Rematada esa edificación, recentemente, a SAREB realizou actuacións tendentes a rematar a construción da rúa Nuno Eanes de Cercio. E mentres tanto, a edificación da rúa Álvaro Cunqueiro está totalmente abandonada nun estado lamentable".
Desde o BNG , sinalan que é un dos maiores problemas que ten Lalín, e por iso consideran que é responsabilidade do Concello liderar e coordinar todas as actuacións que se fagan neste eido. Afirma Vilariño que as súas prioridades pasan por solucionar o problema da vivenda aos sectores en situación máis precaria, tamén mellorar a calidade das vivendas actuando sobre a rehabilitación e impulsar as cantidades e tipoloxías de Vivendas de Protección Oficial e Promoción Pública.
Por todo isto, o BNG de Lalín insta ao goberno municipal a que dea un ultimatun á SAREB para que retome inmediatamente de xeito simultáneo a construción de todas estas edificacións e, de non ser así, que o Concello declare a caducidade das licenzas correspondentes. Ao mesmo tempo asegura Vilariño, que se o PP non actúa como solicitan no prazo de tempo breve desde o BNG, serán os nacionalistas os que mediante denuncia fagan que ditas licenzas caduquen para por fin ao que califican de indecencia especulativa.
Comments