O BNG de Lalín esíxelle á Xunta que os maiores sexan vacinados no centro de saúde desta vila
- ecosdacomarca
- 30 oct 2024
- 3 Min. de lectura
Para os nacionalistas evidencia que "o CIS é un simple cambio de ubicación que nin atende algo tan básico"
Ecos da Comarca/Lalín
Desde o BNG de Lalín fanse eco das numerosas queixas e da indignación que lle transmitiron numerosos veciños e veciñas ao longo destos últimos días debido a que están recibindo citacións a través de mensaxe de teléfono móbil, a poboación inferior a 80 anos (entre 65 e 79 anos), para vacinarse de Covid e da gripe na Cidade da Cultura. Unha vez rematada a pasada semana a fase de vacinación no CIS para maiores de 80 anos, desde o pasado luns volveu a obriga de ir ao “vacunódromo” en Compostela.

Unha medida en palabras do voceiro municipal, Paco Vilariño, "é indecente e carente do máis mínimo respecto polos nosos maiores, á vez que denuncia que non hai ningún motivo convincente que xustifique tal medida, “se o fan en Lalín aos maiores de oitenta que lles impide facer o mesmo ao resto?” pregúntase Vilariño.
Ao entender dos nacionalistas "é un auténtico despropósito e unha tomadura de pelo que a xente máis dependente, e a que máis dificultades ten para desprazarse sexa obrigada a ir á capital de Galiza para vacinarse. Obviamente isto supón unha sobrecarga ás familias que teñan que acompañar aos seus maiores, en moitos casos non só chegando unha persoa debido ao grado de dependencia que teña para podelos desprazar, e este suposto anterior, sempre e cando estas persoas maiores poidan contar con familiares que os poidan trasladar, existindo moitos casos nos que se verán obrigados a gastar en coller un taxi". "Ao mesmo tempo é evidente o enorme perxuízo económico e tamén laboral que lle supón ás familias ter que pedir as horas no seu traballlo, opción esta que moi poucos traballadores se poden permitir", apunta Vilariño.
Publicidade
Mais o problema non remata aí, sinala, "é tal a desorganización e falta de empatía que o SERGAS amosa cos nosos veciños que se permite a desfachatez de citar en horas e días
distintos aos cónxuxes, feito este que non ten defensa posible e que multiplica o problema". Outro caso especialmente grave que lle trasladan aos nacionalistas, apunta Vilariño, é que os maiores de 80 anos que non poideron asistir ao Centro de Saúde cando foron citados, polo motivo xustificado que sexa, son citados obrigatoriamente a ir tamén a
vacinarse á cidade da Cultura.
O voceiro do BNG, amosa a súa maior repulsa a esta situación "debido a que este despropósito vai condenar aos nosos maiores a estar facendo colas, de pé, e cunhas condicións meteorolóxicas nada recomendables para a súa saúde pola época estacional
na que estamos. É unha decisión inhumana por parte de quen ten a responsabilidade de velar pola saúde da cidadanía”.
Publicidade
Desde o BNG esixen á Xunta de Galiza "que inmediatamente poñan fin a este despropósito e abuso, poñendo como solución que sería moito máis doado, menos gravoso e de sentido común nunha administración responsable e que se preocupara da saúde da xente trasladar un equipo de sanitarios ao CIS en vez de obrigar a toda a poboación a trasladarse a Santiago". Vilariño califica a decisión da Xunta "como unha medida de aforro en contra da na nosa veciñanza maior", e esíxelle ao alcalde, José Crespo, "que deixe de mirar cara outro lado e actúe xa para evitar esos desprazamentos, aforrando así ás familias problemas e gastos".
Comments