O BNG de Lalín denuncia "que o pasado martes, un veciño dunha parroquia do concello agardou máis dunha hora por unha ambulancia"
- ecosdacomarca
- 19 abr 2024
- 3 Min. de lectura
O partido nacionalista sinala que "a ambulancia anunciada “que xa era un parche” de 12 horas polo día segue sen existir"
Ecos da Comarca/Lalín
Desde o Bloque Nacionalista Galego de Lalín fan pública a situación que se producíu o pasado martes "cando os familiares dun varón de 62 anos avisaron aos servizos de emerxencia do Sergas dun esvaecemento e forte golpe na cabeza por a posterior caída do doente arredor das catro da tarde. O paciente fora atendido de mañá no centro de saúde da vila nunha cita por urxencias derivada dun proceso respiratorio. Tras agardar media hora pola ambulancia volveron chamar alarmados pola tardanza e polo estado do afectado, que agardou durante 50 minutos tirado no chan da vivenda ata que 2 familiares conseguiron erguelo para levalo a un lugar máis cómodo, séndolle de axuda porque non era capaz de valerse por si mesmo tras o sucedido. Nesta chamada foron informados que a ambulancia que o iría recoller se atopaba a vinte minutos do domicilio, ao que chegou pasadas as cinco da tarde, unha hora máis tarde do aviso, trasladándoo ao CHUS, onde foi atendido".

Dende o grupo do BNG denuncian "a falla de seguridade á que están expostos veciños e
veciñas, lembrándolle ao PP que somos a cabeceira dunha comarca que chega aos 40.000 habitantes cunha superficie de 1.000 km cadrados, uns goberno irresponsable, tanto a nivel local como da Xunta, que votaron en varias ocasións en contra das numerosas iniciativas que presentou o BNG lalinense no Concello e no Parlamento galego onde se solicitaba que dotaran a Lalín dunha ambulancia medicalizada".
A petición, sinala, "deriva das continuas demandas sociais e de casos coma o do veciño anteriormente nomeado, que non é máis que o resultado dunhas políticas que non pensan na xente nin nas súas necesidades, sen seren conscientes de que o tempo de actuación en determinados problemas de saúde é chave nos resultados do mesmo, podendo dar lugar a secuelas graves ou mesmo á morte, como xa ten pasado para pesar do grupo nacionalista".
Publicidade
Diante desta situación "tan desoladora", desde o BNG, entenden que é prioritario mellorar
esta cobertura, "polo que defendemos para o noso Concello unha ambulancia medicalizada cuxo equipamento e dotación permita prestar asistencia médica in situ a pacientes críticos, no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado (SVA). Isto sería así xa que contaría cun equipo humano que consta de: un médico con formación específica en urxencias e emerxencias, un diplomado en enfermería con formación específica, un condutor técnico e un axudante técnico en transporte sanitario, prestando, a diferenza tamén da esmola que nos prometeu o PP, un servizo as 24 horas os 365 días do ano".
"Unha esmola dunha ambulancia que só funcionaría 12 horas ao día, será que na outra
metada do día a veciñanza non enferma,” ironizan os nacionalistas, e apuntan que supón
outro claro exemplo "dunha nova tomadura de pelo do PP cando afirmou que esta nova
ambulancia “empezaría a funcionar no outuno”, palabras que distan moito da realidade".
Publicidade
Agardan, dende o grupo nacionalista, que o PP de Lalín reaccione ante tales feitos e lle
solicite á Xunta de Galiza o servizo da ambulancia medicalizada "que os veciños merecen por dereito, investindo diñeiro na súa saúde a través dunha sanidade pública e de
calidade, na que todos e todas nos sintamos seguros en momentos onde somos vulnerables e que poden modificar moito o curso das nosas vidas. De non ser así, desde
o BNG afirman que entenden que o goberno mira cara outro lado cando se trata de
primeiras necesidades e esixirán explicacións sobre a súa posición política, a todas luces
difícil de comprender e moi lesiva para a vida do conxunto da nosa veciñanza".
Anuncian os nacionalistas que volverán trasladar este problema ao vindeiro pleno
municipal e ao Parlamento galego para esixir responsabilidades, mais sobre todo, solicitar
solucións para que esta cruel realidade deixe de ser algo habitual.
Comentários