top of page

O BNG de Lalín denuncia que hai veciñanza que leva anos agardando polo servizo de axuda no fogar (SAF)

Vilariño desvela que existen queixas presentadas ante a Valedora do Pobo


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín denuncia que hai veciñanza que leva anos agardando polo servizo de axuda no fogar (SAF). "Un dos bens máis prezados que temos no concello de Lalín

e por extensión en Galiza, son os nosos maiores, fonte de experiencia e de sabedoría

acumulada co paso dos anos, un ben que debería ser coidado por todas e todos, tamén

pola administración e por quen nos goberna. Mais, aínda que se trata dunha poboación

que require dunha atención moi especializada e sensible, parece que na capital de Deza,

este colectivo e por extensión as súas familias quedan constantemente esquecidas", reprocha o Bloque.

foto

O portavoz municipal, Paco Vilariño, afirma que "a falla de atención no nos concello é

ben coñecida por todos os que precisan de calquera servizo que se relacione coa

atención dos máis maiores e que comeza funcionando de xeito precario xa no primeiro elo

da cadea, na atención que é prestada polo Concello. Pero a responsabilidade non é dos

traballadores e traballadoras de Servizos Sociais, que realizan a súa labor coa máxima

responsabilidade e eficiencia posible, senón da falta de capacidade para levar adiante o

traballo con garantías pola falta de medios humanos, e o que é máis grave, a decisión do

goberno local de non tramitar debidamente o cupo de horas para dependencia e así non

prestar o servizo á cidadanía, cunha finalidade clara que é a de non gastar nalgo tan

fundamental".


O pasado verán, o BNG xa denunciara publicamente o agravio para os habitantes do concello que supoñía non cubrir as baixas ou vacacións dos traballadores sociais, deixando aos veciños sen un servizo básico e moi sensible, creando situacións realmente

alarmantes e que non se poden permitir neste tipo de atención, que debera ser levada a

cabo coa maior présa e eficiencia posible. "A situación que se arrastra a día de hoxe, é tan

desesperante para as familias que a única maneira coa que os veciños poden combater

esta situación é presentando reclamacións que nin tan sequera son contestadas por

parte do Goberno municipal", asegura o BNG.


A situación de Lalín no referente aos servizos sociais apunta, "é tan dramática que hai casos que chegaron a membros do Bloque nos que, afectados polo desleixo do PP, demostraron coa documentación pertinente ter solicitado o servizo do SAF hai meses para os seus proxenitores, servizo no que desgraciadamente non chegou sequera a tempo a valoración para ser prestado, xa que a persoa destinataria deste faleceu moitos meses despois sen ser valorada polos servizos sociais lalinenses".


"A falla de responsabilidade, empatía e boa labor por parte do goberno" é o que máis destacan os nacionalistas na súa crítica, sen saber, apuntan, "que máis ten que ocorrer

para que prestemos atención a un servizo imprescindible para os seus destinatarios, as

súas familias e a conciliación destas, lembrando que en Lalín non temos nin Centro de

Día público por decisión da Xunta de Galiza e o goberno do concello, temos unhas

condicións precarias nas traballadoras do SAF e non chegamos a ser capaces de valorar

aos nosos dependentes por falla de persoal e vontade política para poder prestarlle o

servizo que merecen e que pagaron cos seus impostos".


PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Califica Vilariño "a situación de preocupante e vergoñenta" e esixe explicacións para

aqueles que levan meses e anos agardando a recibir dito servizo e para todos os veciños

e veciñas afectados. "Feitos estes que diante da ocultación de dicirlle a verdade á

veciñanza, o mínimo que se pode esixir para poder saber a que aterse en cada situación

particular e familiar, está conlevando un coste económico e social aos demandantes

enorme e en moitas ocasións inasumible, que fartos de agardar nalgúns casos máis de

dous anos víronse na obriga de ter que presentar ante A Valedora do Pobo unha

reclamación, que foi admitida a trámite debido obviamente aos feitos contrastados que

relata a mesma".


Remata Vilariño afirmando que "ter que chegar a estos extremos por parte da veciñanza o

único que amosa é a nefasta xestión do goberno cos máis vulnerables", e esíxelle ao PP

que axilice a adxudicación do servizo para garantir unha atención digna ás persoas

dependentes.

댓글


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page