Recalca o portavoz do Bloque que “xa avisamos das eivas nos pasos de peóns, aparcadoiro e iluminación, ás que o goberno fixo oídos xordos”
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín sinala que as súas predicións en relación á deficiencia da seguridade viaria na contorna do novo CIS fixéronse patentes a pasada semana cando, dous días despois da inauguración do centro, se producía un atropelo nas súas inmediacións. "Unha muller sufriu un accidente no paso de peóns situado a carón do Centro Integrado de Saúde, sendo vítima dun atropelo á primeira hora da mañá, acudindo ata o lugar a Policía Local e a Garda Civil de Tráfico. Derivado deste feito a persoa afectada está hospitalizada desde aquel momento no CHUS, acaecida dunha fractura no úmero e outras lesións musculares que lle impiden desenvolver a súa vida con normalidade".
Dende o grupo nacionalista facíanse eco, xa antes da inauguración, dos posibles problemas que podía traer consigo a deficiencia da iluminación na contorna do centro de saúde, feito que se producía o propio día do atropelo cando, “con condicións meteorolóxicas adversas e falla de luz natural, os puntos de luz situados nas proximidades do paso de peóns, que tamén ten unha pintura moi mellorable, se atopaban apagadas. A falla de seguridade viaria nesta zona é clara, calquera que visitara o CIS é consciente de que non é seguro acudir a pé, nin é doado chegar en coche, xa non digamos aparcar, para o que non hai sitio abondo”, asevera o portavoz nacionalista Paco Vilariño, que adianta “levaremos este asunto ao pleno as veces que sexa preciso, vista a intención que ten o goberno de silenciar que este tipo de problemas están sucedendo no noso concello, para que se corrixan canto antes as eivas na contorna do CIS, evitando máis sustos que poderían acabar en desgraza como podemos ver neste caso”.
Publicidade
Denuncian así mesmo que dende hai tres días non hai iluminación pública dende a rotonda próxima ao CIS ate a zona programada para facer un cambio de sentido na estrada N-525 en dirección Ourense, co que iso implica para os peóns que acoden ao centro de saúde.
Publicidade
Dende o BNG solicítanlle ao goberno que se poña mans á obra de inmediato para mellorar a seguridade viaria de toda a veciñanza, que debera ser de primeira importancia á hora de poñer en funcionamento infraestruturas de grande afluencia de poboación coma esta xa antes de inauguralas.
Commenti