top of page

O BNG de Lalín denuncia “o escándalo” da atención en saúde mental no Centro Integral de Saúde

Paco Vilariño levará ao vindeiro pleno unha moción para demandar dotación de persoal neste servizo para a veciñanza


Ecos da Comarca/Lalín

O BNG de Lalín considera “un escándalo insoportable” e unha auténtica “falta de humanidade” o que está a acontecer en Lalín cos pacientes que precisan do servizo de saúde mental. “Levamos moito tempo recibindo queixas de veciñas e veciños en situacións dramáticas”, explica o voceiro do BNG Paco Vilariño. O BNG de Lalín levará ao vindeiro pleno municipal unha moción para demandar unha axeitada cobertura de persoal neste servizo no Centro Integral de Saúde (CIS).


Desde o BNG denuncian casos de “extrema gravidade” que están a sufrir veciñas e veciños e para os que nin o CIS, nin o Sergas nin o Concello “buscan solucións”. Paco Vilariño critica a “pasividade” do goberno local de Lalín na demanda da cobertura de servizos deficitarios do CIS, como é o caso da atención en saúde mental, un servizo que en Lalín está “precarizado”. Critica o voceiro local que para a atención a unha área de arredor de 40.000 persoas, o CIS só conta cun psiquiatra e un psicólogo.

Denuncia o BNG que na práctica isto se traduce en que “unha persoa que pide vez para

que a vexa un psiquiatra en Lalín tarda un mínimo de 4 meses en que o Sergas lle dea

resposta”. Vilariño explica que ten recibido numerosas queixas sobre casos “dun escándalo insoportable”, de pacientes de saúde mental do concello “mesmo con tentativas de suicidio” que levan desde outubro agardando por unha cita de psiquiatría. O BNG de Lalín considera “insostible” este “maltrato á veciñanza, mentres o Sergas e o goberno do señor Crespo miran cara outro lado”. Son moitos, segundo denuncia o BNG, os

casos de veciñanza afectada por esta “falta de humanidade” que está a provocar un auténtico colapso no CIS “e que mesmo nos partes médicos están a denunciar os

propios médicos de atención primaria”.


O BNG de Lalín levará ao vindeiro pleno unha moción para demandar da Consellería de

Sanidade que dote ao CIS de máis persoal na área de saúde mental. “Como mínimo esiximos que o Sergas cree unha praza máis en psiquiatría e outra en psicoloxía” para

que a veciñanza que precisa destes servizos sanitarios públicos “sexa atendida en tempo

e forma, e coa atención pública de calidade que lle corresponde”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

“Non é de recibo que un veciño que ten unha depresión por un problema médico que lle ocasiona dores insoportables cada minuto da súa vida non reciba resposta inmediata nin

do especialista correspondente nin da área de saúde mental, e xa é escandaloso que iso

aconteza con persoas con claras tendencias suicidas pola súa situación persoal e que lles

consta que xa tiveron tentativas de quitarse a vida”. Diante deste “auténtico drama

sanitario que viven moitos veciños e veciñas de Lalín", o BNG asegura que “non imos

deixar de insistir na dotación de persoal axeitada en saúde mental até que a nosa

veciñanza conte cun servizo de saúde mental axeitado e de calidade”.


Lembra o BNG lalinense que as cifras da atención en saúde mental na área sanitaria á que pertence Lalín -Santiago-Barbanza- son “vergoñentas”. Segundo os últimos datos

oficiais das listas de agarda do Sergas -correspondentes ao mes de xuño de 2024- nesta

área sanitaria á que pertence a Comarca de Deza “hai preto de 30.000 persoas

agardando por unha consulta. No caso das consultas externas de psiquiatría, na área

sanitaria son case 1.400 as persoas en lista de agardas”, critica Vilariño.


Segundo as denuncias públicas dos propios sanitarios da área de saúde mental do

Sergas, estas cifras supoñen que “na práctica temos veciñanza de Lalín que pide cita para ser atendido por un psiquiatra e ten que agardar 4 meses para ter cita, e aínda por riba en moitas ocasións desprazándose a Compostela”, denuncia Paco Vilariño. O mesmo

acontece no seguimento dos pacientes na área de saúde mental do Sergas, onde os

propios psiquiatras denuncian que logo de atender a un paciente nunha primeira cita

“para a segunda teñen 12 ou 13 minutos por paciente”, e o sistema non garante nin

sequera que sexa o mesmo profesional o que os atende, o que ocasiona nos usuarios

“auténticos problemas psicolóxicos engadidos”.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page